O Goberno local de Chantada aproba o seu orzamento para 2024 por máis de 8 millóns de euros
O Concello de Chantada vén de aprobar o seu orzamento para 2024 despois de que o Goberno local presentara no pleno uns presupostos de 8.425.014,05 euros, dedicados, na súa maioría, para persoal e gastos correntes en bens e servizos, con 3.147.753 euros e 3.983.267 euros, respectivamente.
“As partidas máis importantes son bens correntes e servizos para dar todo tipo de servizos á cidadanía, tamén a partida de gastos de persoal. Despois estarían as inversións reais con 849.805 euros. Se por cada 1.000 habitantes temos un millón de ingresos e de gastos, estamos en condicións de dar os mellores servizos posibles”, destaca o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
Á hora de falar dos investimentos, destaca o alcalde que hai que engadir as subvencións da Xunta de Galicia e dos plans Next Generation. Así, no primeiro caso, a Xunta inviste o 70% e o resto a administración local; con 48.400 euros de fondos propios para o edificio que se destinará ao servizo de atención temperá; ou 186.662 euros para facer unha biblioteca accesible.
Actuacións no Concello con axuda da CHMS
O rexedor local apunta tamén a que nos próximos anos vanse investir uns 2 millóns de euros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para o que o Concello terá que aportar á Confederación preto de 350.000 euros.
O primeiro paso destas actuacións farase no 2024, correspondente aos estudos para ver como canalizar o río Asma e os regatos que chegan a Chantada en épocas de choivas fortes e que van dar aos sumidoiros.
“A depuradora de Chantada funciona ben pero se lle quitamos este tipo de augas para as que tamén se fará un tanque de tormentas que con tormenas fortes baleiraría pouco a pouco o exceso de auga, axudamos a aliviar a depuradora e dámoslle máis tempo de vida, podendo asumir situacións climatolóxicas complicadas ao canalizar directamente ao río as augas de choivas e regatos”, destaca o alcalde.
Os impostos en Chantada
Por outra banda, o alcalde destaca o esforzo que se segue facendo ao non subir os impostos, xa que durante a pandemia o equipo de Goberno baixou o IBI do 0,60 ao 0,55 para axudar ás economías da veciñanza e elimináronse case totalmente as plusvalías.
“Cando non endebedas á cidadanía, non aumentas impostos e segues prestando ou incluso aumentando servizos, creo que podemos estar satisfeitos. Ademais, comezaremos o ano cos deberes feitos, sabendo co que contamos desde o día 1 de xaneiro, cada partida coa súa contía, sabendo a que temos que aternos. Ter os números ao día e ver como marcha o ano económico no concello é moi importante”, destacou Lorenzo.
Con carácter semestral, no 2024 comezarase a cobrar polo servizo de recollida de lixo no rural, concepto polo que o Concello de Chantada non recadaba nada, o mesmo que polas terrazas. A este respecto estase traballando nunha ordenanza para regular tamén esta cuestión.
Os orzamentos para o 2024 quedaron aprobados cos votos a favor do equipo de Goberno e votando en contra a oposición, á que o alcalde agradeceu o talante mostrado durante o debate dun tema tan importante para o funcionamento do concello como son os presupostos.