O Goberno anuncia rebaixas no prezo do combustible entre outras medidas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Pedro Sánchez, presentou onte o Plan de Resposta ao impacto da guerra en Ucraína que aprobará hoxe o Consello de Ministros.
ruben arroxo anabel gulias
ruben arroxo anabel gulias
29 Mar 2022

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou onte o Plan de Resposta ao impacto da guerra en Ucraína que aprobará hoxe o Consello de Ministros e que inclúe o veto aos despedimentos e a bonificación cun mínimo de 20 céntimos o litro de combustible a todos os cidadáns, non só a transportistas. Este plan está valorado en 16.00o millóns de euros.

Este plan conta con cinco eixos que abarcan axudas a familias, traballadores, desprazados e ao tecido empresarial, así como medidas en materia de transportes, ciberseguridade e enerxía.

Entre as medidas para axudar ás familias, traballadores e persoas desprazadas destaca a bonificación cun mínimo de 20 céntimos o litro de combustible a todos os cidadáns, non só aos transportistas.

O Goberno aplicará unha rebaixa de 15 céntimos e as petroleiras un mínimo de 5 céntimos, aínda que algunhas compañías xa anunciaron rebaixas superiores.

Este eixo dirixido a cidadáns tamén incorporará a limitación das revisións das subidas dos prezos dos contratos de alugueiro de vivenda ao 2% no próximos tres meses, así como o aumento do 15% na contía do Ingreso Mínimo Vital (IMV) para chegar a máis familias vulnerables.

Ademais, estenderase a 600.000 familias máis o bono social eléctrico, ata chegar aos 1,9 millóns de fogares, se prórroga ata o 30 de xuño a rebaixa impositiva na luz e permitirase que as empresas acudan a medidas de flexibilidade, como os ERTE, á vez que se prohiben os despedimentos, como xa sucedeu durante a pandemia.

ELECTRICIDADE

No que respecta á parte enerxética do plan de resposta á guerra, Sánchez anunciou que esta mesma semana España e Portugal presentarán a Bruxelas unha medida "excepcional e temporal" para fixar un prezo de referencia do gas, que non precisou, tras lograr no Consello Europeo do venres unha 'excepción ibérica' que permita abaratar os prezos da electricidade en ambos países.

Sánchez subliñou que esta medida "non supón subvencionar o gas, non rompe os incentivos para as renovables nin os fluxos eléctricos entre países" e permitirá a España e Portugal "rebaixar significativamente os prezos da electricidade de forma inmediata" e sen " distorsionar" o mercado da electricidade de Europa.

Ao mesmo tempo, segundo explicou Sánchez, o plan actualizará o réxime retributivo específico da produción de enerxía eléctrica a partir das fontes de enerxías renovables, coxeración e residuos, o que supoñerá unha rebaixa dos cargos do sistema eléctrico ata o 55% en 2022.

"Con iso imos reducir aínda máis o prezo final da electricidade o que, sen ningunha dúbida, aliviará o esforzo que están a realizar a cidadanía, as empresas e as industrias do noso país", salientou o presidente.

En terceiro lugar, o Goberno incluirá neste plan a extensión ata o 30 de xuño do mecanismo para reducir o exceso dos beneficios das eléctricas causado polo elevado prezo do gas nos mercados internacionais (os chamados 'beneficios caídos do ceo'), aínda que "con certas modificacións para reforzar a súa eficacia e adaptalo ás directrices europeas".

O xefe do Executivo indicou que estas tres "importantes" medidas veranse completadas con outras de carácter regulatorio para fomentar e acelerar o despregamento de enerxías renovables, o aforro enerxético e garantir a subministración. "Nunca como agora somos tan conscientes de que a autonomía enerxética baséase, sobre todo, nesa tripla alianza de despregamento de enerxías renovables, aforro enerxético e eficiencia enerxética", defendeu.

APOIO AO TECIDO EMPRESARIAL

En canto ás medidas para apoiar ao tecido económico e empresarial, o presidente anunciou unha nova liña de avais de créditos ICO por 10.000 millóns de euros para cubrir necesidades de liquidez provocadas polo aumento temporal do custo da enerxía e os combustibles. Ademais, esténdese o prazo de vencemento dos préstamos avalados polo ICO e o prazo de carencia para os sectores máis afectados.

Para os sectores máis afectados, Sánchez apuntou que se aprobará un paquete de axudas de 362 millóns de euros para o sector da agricultura e a gandería, e outro duns 68 millóns, para o pesqueiro.

Ademais, para a industria gran consumidora de enerxía haberá unha dotación de 500 millóns de euros para compensar as peaxes nun 80%, alcanzar o máximo na compensación do CO2 e reforzar as axudas directas ao sector.

TRANSPORTES

O presidente quixo poñer en valor o recente acordo alcanzado co Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC) para tratar de frear o paro do sector, aínda que as medidas non convenceron á plataforma de transportistas que iniciou as protestas.

A pesar de que os paros continúan, o Goberno decidiu impulsar o plan acordado cos principais representantes do sector, que supón a inxección de máis de 1.000 millóns de euros. Ademais, o sector do transporte beneficiarase da rebaixa mínima de 20 céntimos de euro por litro ou quilo de combustible.

Tamén o Executivo aprobará un novo fondo de 450 millóns de euros para axudas directas ás empresas de transporte de mercadorías e de pasaxeiros, en función do tipo de vehículo: 1.250 euros por camión, 900 por autobús, 500 por furgoneta e 300 por taxi, VTC ou ambulancia.

Ademais, acúrtase de tres a un mes o prazo de devolución do imposto sobre Hidrocarburos e mantense o compromiso de aprobar unha lei que permita aos transportistas traballar cun prezo xusto, como o Goberno fixo con agricultores e gandeiros coa Lei de Cadea Alimentaria.

Outro dos eixos que aborda o plan supón a aprobación de medidas en materia de ciberseguridade. Neste sentido, o presidente anunciou un novo Plan Nacional de Ciberseguridade con máis de 150 actuacións esenciais, dotado con máis de 1.000 millóns de euros.

0.18590211868286