O GDR Ribeira Sacra-Courel pon en marcha un proxecto universitario para impulsar a comunicación e promoción do territorio

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel iniciou o proxecto "Territorio Ribeira Sacra-Courel: Comunicando Ruralidade", unha iniciativa integrada no programa Campus Rural do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) que se desenvolve en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O obxectivo do proxecto é incorporar talento universitario ao medio rural para desenvolver unha estratexia de comunicación audiovisual que contribúa a dar maior visibilidade á Ribeira Sacra-Courel, destacando o seu patrimonio natural, cultural e etnográfico e reforzando a identidade compartida dos trece concellos que integran o territorio.
Entre os meses de xullo e setembro participan na iniciativa Jaziel Colorado, estudante do Grao en Ciencias da Comunicación da UDC, e Antón Pena, alumno do Grao en Enxeñaría Informática da USC. Ambos traballarán na planificación e produción de contidos audiovisuais, así como na mellora da comunicación dixital do GDR. O equipo complétase con Clara Losada, estudante en prácticas do Grao en Ciencias Económicas.
A coordinación do proxecto recae nos técnicos do GDR Cristina Díaz e Enrique González, en colaboración co profesorado das universidades participantes.
Ademais de reforzar a comunicación institucional da entidade, a iniciativa pretende aumentar o recoñecemento da marca territorial Ribeira Sacra-Courel, fomentar o sentimento de pertenza entre a poboación e achegar a realidade do medio rural ás novas xeracións mediante a participación directa de estudantes universitarios.
O presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, José Manuel Arias López, destacou a importancia desta colaboración entre universidade e territorio e asegurou que “os grupos de desenvolvemento rural debemos abrirnos á xuventude e colaborar coas persoas universitarias para que coñezan de primeira man o potencial do noso territorio. Nas portas do rural hai moita xente no sentido de saída e pouca no sentido de entrada; tentemos abrir portas e crear novas oportunidades para que cada vez máis persoas vexan o rural como un espazo de futuro”.
O proxecto foi presentado á Xunta Directiva da Asociación para o Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel durante a Asemblea 1/2026, celebrada o pasado 30 de xuño no Concello de Triacastela, onde se deron a coñecer as actuacións previstas e a súa contribución á estratexia de promoción e dinamización da comarca.
Con esta iniciativa, o GDR Ribeira Sacra-Courel reforza a súa aposta pola innovación, a comunicación territorial e a colaboración entre institucións, universidade e medio rural co propósito de construír unha imaxe máis cohesionada e atractiva da Ribeira Sacra-Courel.