O frío, a auga e a neve non impediron que a VII edición dos Cantos de Taberna de Quiroga fose un éxito

RibeiraSacraXa
A VII edición dos Cantos de Taberna de Quiroga acolleu moita música a pesar do frío, a auga e incluso a neve, que non impediron que se desenvolvese a festa e todos os grupos inscritos chegaron puntuais as súas actuacións.
Cantos de Taberna Quiroga 2
11 Mar 2024

A VII edición dos Cantos de Taberna de Quiroga acolleu moita música a pesar do frío, a auga e incluso a neve, que non impediron que se desenvolvese a festa e todos os grupos inscritos chegaron puntuais as súas actuacións.

Nesta edición participaron dez bares, Adega da María, as Palmeras, o Portón, a Botica, o Quiper, Ruxe-Ruxe, Chapakuña, a Parrillada Torres, a Matrioska e o Mesón Ferreiriño. E once grupos, que fixeron desta a edición con máis participantes de todas, Foliada de Bosende (Bosende), Son do Mao (Bóveda), O recanto (Quiroga), Estoupafoles (Pobra de Brollón), Corenta e Chinco (Pobra de Brollón), Minestreles (Monforte de Lemos), Abertal da Rúa (A Rúa), Macizas Centrais (Trives), Eí os veñen (Ourense), Os Tarabelos (O Saviñao) e Nubeiro Son Galego (Lugo).

Ás 18.45 horas os grupos comezaron o seu recorrido marcado de xeito que durante as cinco horas que duraba o itinerario en todos os bares participantes houbese algún grupo tocando máis de media hora.

Numerosos veciños percorreron os bares para unirse á festa dos grupos encargados de poñer a música e o cante. Tamén o equipo de goberno quixo participar nunha actividade que se organizaba dende o Concello de Quiroga.

Chegada a media noite era o momento de rematar e, aínda que estaba previsto que os grupos se xuntasen na praza da rúa Lago para facer unha foliada conxunta, a auga impediu que isto puxese o punto e final da noite.

0.18322086334229