O Foro Vivenda Ribeira Sacra reúne expertos en Monforte para avanzar cara a un pacto territorial sobre a vivenda

RibeiraSacraXa
A xornada reuniu administracións, expertos e entidades empresariais para analizar o acceso á vivenda como reto clave para o desenvolvemento e a fixación de poboación na comarca
foro-vivenda-ribeira-sacra
20 Jun 2026

O Parador de Turismo de Monforte de Lemos foi escenario este venres, 19 de xuño, do Foro Vivenda Ribeira Sacra 2026, unha xornada centrada na análise, debate e proposta arredor do acceso á vivenda e do seu papel no futuro da comarca.

O encontro foi organizado pola Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next, xunto coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e reuniu representantes institucionais, profesionais do urbanismo e da arquitectura, expertos en políticas de vivenda, entidades financeiras, empresas, persoas emprendedoras e representantes das administracións públicas.

A iniciativa parte da preocupación pola escaseza de vivenda dispoñible na comarca, as dificultades de acceso para a mocidade, familias, novos residentes e traballadores, así como a necesidade de rehabilitar o parque inmobiliario existente e mobilizar vivendas baleiras para favorecer o desenvolvemento territorial.

Desde Ribeira Sacra Next considérase a vivenda como unha cuestión estratéxica e transversal, ao entender que a súa falta non só afecta á poboación residente, senón tamén á capacidade das empresas para atraer e fixar talento e á chegada de novos proxectos económicos.

O foro desenvolveuse entre as 9:30 e as 19:30 horas e estruturouse en distintas mesas de traballo. A primeira estivo centrada no diagnóstico da situación da vivenda na Ribeira Sacra e no medio rural galego, mentres que a segunda abordou os instrumentos dispoñibles para facilitar o acceso á vivenda, impulsar a rehabilitación e mobilizar inmobles baleiros.

A terceira mesa analizou a gobernanza e a coordinación entre administracións, entidades profesionais e axentes económicos para o deseño de políticas eficaces. Xa pola tarde, representantes de formacións políticas con presenza no Parlamento de Galicia participaron nunha mesa sobre a acción pública en materia de vivenda.

A xornada pechouse cunha mesa centrada na posibilidade de avanzar cara a un pacto pola vivenda na Ribeira Sacra, co obxectivo de establecer un espazo estable de colaboración que dea continuidade ao traballo iniciado no foro.

Entre os temas tratados destacaron a planificación territorial, a rehabilitación do patrimonio inmobiliario, a mobilización de vivendas baleiras, o acceso á vivenda para novos residentes e traballadores e as oportunidades para un desenvolvemento sostible e equilibrado da comarca.

0.12284803390503