O folk galego de Lenda Ártabra chega ao Auditorio de Quiroga dentro do “Mes das nosas Letras”

O programa cultural do “Mes das nosas Letras” continúa no concello de Quiroga cunha nova cita centrada na música tradicional galega. Este domingo, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a actuación do grupo folk Lenda Ártabra & Ghaldaripas, nun concerto incluído na programación arredor do Día das Letras Galegas.
A formación Lenda Ártabra, creada en Ferrol no ano 2013, é coñecida pola súa proposta que combina a música de raíz con creacións propias e poemas adaptados á música. O seu repertorio abrangue estilos tradicionais como muiñeiras, xotas, polcas ou maneos, e inclúe tamén versións musicadas de autores galegos, ademais de temas de composición propia. Ao longo da súa traxectoria, o grupo actuou en numerosos escenarios de Galicia e Portugal, consolidando a súa presenza no panorama do folk contemporáneo.
As actividades deste ciclo cultural pecharanse o sábado 30 de maio ás 19:00 horas na Casa da Cultura, coa presentación da revista “Lobos te coman”, unha proposta da escritora local Celia Díaz. Trátase dunha publicación de pasatempos ilustrada con fotografías de Ramón Vila que convida a percorrer o municipio de Quiroga dun xeito lúdico.
Esta programación está organizada polas áreas de Cultura e Dinamización Lingüística do Concello de Quiroga, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e do programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua.