O Festrad pecha o curso da Escola Municipal de Música Tradicional de Monforte cun concerto do alumnado

O Festival Festrad da Escola Municipal de Música Tradicional do Concello de Monforte puxo o broche final ao curso académico cun concerto celebrado no auditorio do Edificio Multiusos, onde o alumnado amosou o traballo desenvolvido ao longo dos últimos meses.
Na actuación participaron alumnos e alumnas das diferentes disciplinas impartidas na escola, entre elas gaita, percusión tradicional galega e canto e pandeireta, interpretando diversos ritmos tradicionais e pezas populares da música galega.
O repertorio do concerto estivo integrado por composicións como Xota de Caroi, Pasodobre da Pastoriza, Mazo te mazo, Baitucada, Xota da Gaiosa, Non bailes o agarrado, Rumba do Canizo, Xota do Bazal, Muiñeira das Cortellas, Xota dos Mariñeiros, Muiñeira da Camposa, Pasodobre do Mallou e Rumba dos Tranquilos.
O certame concluíu cunha actuación conxunta do alumnado de canto, gaita e percusión, que interpretou as pezas Foliada de Asén e Muiñeira das Ferreñas, poñendo o punto final a unha xornada dedicada á música tradicional galega.
O alcalde destacou o labor que desenvolve a Escola Municipal de Música Tradicional na conservación e divulgación do patrimonio cultural galego, incidindo na importancia de achegar ás xeracións máis novas o coñecemento, a práctica e a continuidade das tradicións musicais propias.