O Festival Xoldra de Aguiar regresa este sábado a Pereiro cunha xornada de música, maxia e tradición

O festival Xoldra de Aguiar regresará a Pereiro de Aguiar o vindeiro sábado, 19 de setembro, cunha nova edición centrada na posta en valor do rural a través da cultura e das festas populares.
A proposta busca recuperar estes espazos como lugares de encontro e convivencia veciñal e combinará unha xornada de música e tradición con actividades dirixidas tamén ao público infantil. A entrada será libre.
O programa contará coa actuación de Treixadura, unha das formacións de referencia da música tradicional galega. A xornada completarase cunha foliada protagonizada por As Lapacaldas, coa colaboración de Airiños dos Foles.
Para o público infantil, o festival volverá contar con Pablo Estévez, que repetirá participación despois da boa acollida da pasada edición. Nesta ocasión presentará o espectáculo de maxia familiar “Trasnadas”.
A iniciativa pretende así animar tanto á veciñanza de Pereiro como ás persoas procedentes doutras localidades próximas a recuperar as festas populares como espazos de reunión comunitaria e a achegarse ao rural a través da música, a tradición e a cultura.