O Festival dos Eidos regresa ao Courel os días 29 e 30 de agosto con poesía, música e rutas

O Festival dos Eidos volverá ao Courel os días 29 e 30 de agosto para celebrar a súa undécima edición cun programa que combinará poesía, música, literatura e percorridos polo territorio. A proposta está organizada pola Fundación Uxío Novoneyra e terá como eixo o territorio literario situado arredor da casa natal do poeta.
Todas as actividades serán de balde, aínda que estarán condicionadas á capacidade dos espazos. A programación do sábado 29 comezará na Casa/Museo (Aldea de Parada, Folgoso do Courel) con dúas sesións de avistamento de paxaros d’Os Eidos, ás 9.30 e ás 10.30 horas. Xabier Vázquez Pumariño será o encargado desta actividade de interpretación do patrimonio biolóxico-literario.
Xa ás 12.00 horas, o Curral acollerá unha lectura comentada d’Os Eidos. Libro do Courel a cargo de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, nunha proposta centrada na poesía.
A programación continuará ás 13.00 horas na Horta cun recital de Olga Novo e Su Garrido Pombo, que combinarán poesía e música.
Pola tarde, ás 17.00 horas, o Souto da Rubial será escenario dunha conversa entre Antón Lopo, de Chan da Pólvora editora, e Alberto Lema, autor de Río Grande, arredor da publicación desta obra poética.
Ás 18.30 horas, o Curral acollerá un novo recital, neste caso con Olalla Cociña, Xerardo Quintiá, Julieta Valero e Karlotti.
A xornada rematará na Horta con dúas propostas musicais. Ás 20.30 horas terá lugar a actuación de Moura e, ás 22.00 horas, comezarán as sesións DJ.
O domingo 30 de agosto a actividade trasladarase novamente á Casa/Museo, onde ás 11.00 e ás 12.30 horas se desenvolverá unha ruta pola memoria democrática de Parada. O percorrido estará guiado por Inacio Vilariño e abordará o patrimonio literario e histórico da contorna.