O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte pechou unha multitudinaria edición con milleiros de visitantes

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O certame reuniu 27 adegas e 12 postos gastronómicos, rexistrou cheo nas actividades paralelas e vendeu máis de mil pulseiras solidarias
festival-do-viño-da-ribeira-sacra-de-monforte
6 Jul 2026

O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte pechou este domingo a súa oitava edición tras reunir milleiros de visitantes ao longo de tres xornadas e consolidar a súa presenza como unha das citas destacadas do verán galego vinculadas ao sector vitivinícola. O evento contou coa participación de 27 adegas e 12 postos gastronómicos, combinando propostas enolóxicas, gastronómicas e actividades complementarias.

O alcalde de Monforte, José Tomé, fixo un balance positivo do desenvolvemento do certame e cualificou a edición como un “éxito rotundo”. Segundo indicou, "Temos que falar de éxito rotundo dun Festival que aumenta en público ano tras ano, que é un referente no sector vitivinícola e un importante dinamizador da economía local a través de sectores como o turismo e a hostalaría. Sen dúbida, o esforzo que facemos desde o Equipo de Goberno na organización deste evento merece a pena".

A pesar das elevadas temperaturas rexistradas durante a fin de semana, a asistencia mantívose en cifras destacadas, cunha importante afluencia de público durante toda a celebración.

Un dos aspectos máis salientables desta edición foi o aumento das vendas directas de botellas nos espazos das adegas participantes, unha cuestión trasladada polos propios adegueiros ao rexedor durante a clausura do evento. José Tomé sinalou neste sentido que o crecimiento do festival “demostra que se cumpre o obxectivo principal co que naceu esta iniciativa: promocionar os viños da D.O. Ribeira Sacra e converter as degustacións en ventas directas, xerando un impacto económico real para as bodegas participantes”.

A programación paralela tamén rexistrou unha elevada participación. As catas temáticas, a masterclass e as rutas do viño organizadas durante o festival acadaron o 100 % de ocupación, confirmando o interese do público por coñecer máis a fondo a oferta vitivinícola e o patrimonio asociado ao territorio.

Sobre esta resposta, o alcalde destacou que “o éxito de participación en todas estas propostas pon de manifesto que o Festival do Viño é moito máis ca un espazo de degustación, converténdose nunha experiencia enoturística completa que combina formación, divulgación, cultura e promoción do territorio”.

A solidariedade tamén tivo protagonismo nesta edición coa venda de 1.082 pulseiras solidarias, unha iniciativa incorporada nesta convocatoria e que contou cunha importante resposta por parte da cidadanía e dos visitantes. Os fondos recadados destinaranse a unha entidade social de Monforte para apoiar o labor que desenvolven este tipo de asociacións.

No balance final, José Tomé agradeceu a implicación das 27 adegas participantes, do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, dos establecementos hostaleiros, entidades colaboradoras e patrocinadoras, voluntariado, Forzas e Corpos de Seguridade, servizos municipais e de todas as persoas que participaron na organización. O rexedor destacou ademais que o evento se desenvolveu sen incidencias e con total normalidade.

Tras o peche desta edición, desde o Concello xa avanzan o inicio dos traballos para a seguinte convocatoria.

0.12644982337952