O Festival Atlántica chega a Taboada este venres

Taboada será esta fin de semana unha das sedes do Festival Atlántica, unha cita dedicada á narración oral impulsada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo que este ano levará a súa programación a un total de 33 concellos de Galicia.
O festival caracterízase pola participación de contacontos e artistas especializados na tradición oral, combinando unha programación profesional coa implicación da veciñanza e do tecido asociativo local. No caso de Taboada, a iniciativa conta coa colaboración de entidades como a asociación Landra, a Asociación Cultural Rechouchíos e o propio Concello.
A programación no municipio arrancará o venres 3 de xullo ás 20.00 horas na Praza do Cuartel Vello coa proposta Mulleres de conto, a cargo da contacontos Cris de Caldas. A actividade está dirixida ao público adulto e conta coa colaboración da Asociación Cultural Rechouchíos.
As actividades continuarán o sábado 4 de xullo ás 11.00 horas coa Visita a San Pedro de Bembibre, guiada por Carola Casal e tamén orientada ao público adulto, coa colaboración de O Sorriso de Daniel.
A programación pecharase ese mesmo día ás 19.00 horas coa representación de A viaxe feliz de Ramón Sanfiz, de Inacio Vilariño, da compañía Fantoches Baj. Esta actividade está destinada ao público familiar a partir dos cinco anos.
Desde o Concello de Taboada anímase á veciñanza a participar nesta proposta cultural, que busca poñer en valor a tradición oral e diferentes espazos de interese do municipio.