O festival As Cores do Outono da Pobra do Brollón será os días 23 e 24

RibeiraSacraXa
O festival musical As Cores do Outono chega ao concello da Pobra do Brollón na súa oitava edición, os días 24 e 25 de outubro
as cores do outono cartel general
11 Sep 2023

A organización do Festival das Cores do Outono, da Pobra do Brollón, informou das novas datas de celebración desta novena edición.

Este festival que se celebrará os días 23 e 24 de setembro na Pobra do Brollón, conmemora o inicio da estación outonal con propostas ligadas á música de raíz galegas.

Na súa novena edición, o cartel está formado por tres propostas musicais que buscan adaptar a tradición mediante o diálogo con outras culturas, ritmos e instrumentos.

Os tres concertos terán lugar o sábado 23 a partir das 21:00 h na área recreativa Samugueiros. O cartel está encabezado por Xurxo Fernandes quen presentará xunto coa súa banda o espectáculo ‘Levaino!’, unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo oriental a través da creación popular colectiva.

Abrirán os concertos Abril, trío vigués de violín, pandeireta e guitarra clásica que interpretan melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados.

Tras Abril e Xurxo Fernandes, a sesión de música rematará con Mondra e a súa proposta renovadora que mestura a tradición coa electrónica e o baile contemporáneo. Os concertos contarán con presentación a cargo das Brindeiras da Guimaralia.

A programación do sábado compleméntase cuns obradoiros de baile a cargo de Ruth Pérez. Serán na Praza da Condesa, no casco medieval da Pobra do Brollón, e haberá dúas quendas: de iniciación ás 18:00 h e de perfeccionamento ás 19:00 h.

Teatro e circo para enmarcar As Cores

A programación de As Cores do Outono comezará o venres 22 cun espectáculo de circo para todos os públicos, Autoestopista galáctico da compañía Pistacatro. Un show de ciencia ficción, clown e transformismo, repleto de personaxes cómicos dotados de poderes que desafían a lei da gravidade.

O espectáculo será ás 20:00h no anfiteatro da área recreativa de Samugueiros, ou na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ en caso de chuvia. Antes do circo, ás 17.30 horas, haberá na Casa da Cultura unha charla sobre crianza e sexualidade, enmarcada no programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

Trátase dunha actividade pensada para familias, persoas coidadoras, con tutela ou ámbito profesional vinculado ás crianzas, onde poderán aprender, cuestionar e resolver dúbidas afectivo-sexuais a través do acompañamento profesional, nun espazo seguro e libre de xuízos.

O domingo ás 19:00 na Casa da Cultura rematará o festival co espectáculo teatral O Auto do Castromil, da compañía Excéntricas en coprodución con Centro Dramático Galego e dirección de Quico Cadaval.

A obra foi escrita por Manuel María e está protagonizada por un luxoso elenco formado por Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. Eles serán os encargados de levar ao público por unha viaxe onírica abordo dun coche de liña ‘a través da curiosa historia da Galiza’.

O Festival As Cores do Outono conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Único coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón.

As Cores do Outono 2023
0.13073801994324