O Fest Clásico Ribeira Sacra celebra a súa oitava edición do 23 ao 30 de agosto con cinco artistas internacionais

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O festival incorpora este ano o piano en dous dos seus concertos, que se trasladan a auditorios por necesidades loxísticas, e mantén os seus tradicionais ensaios abertos ao público en Os Peares
fest_clasico_ribeira_sacra
13 Aug 2026

A Ribeira Sacra volverá encherse de música clásica do 23 ao 30 de agosto de 2026 coa oitava edición do Fest Clásico Ribeira Sacra. O cartel deste ano reúne a Carole Petitdemange, Tomoko Akasaka, Julio Pastor, Anton Kernjak e Beatriz Blanco, músicos de traxectoria internacional que ofrecerán concertos de alto nivel artístico.

Entre as novidades desta edición destaca a incorporación do piano en dous dos concertos dos artistas residentes. Por necesidades loxísticas, estas actuacións celebraranse en auditorios en lugar dos espazos habituais do festival.

Os artistas residentes, procedentes de Francia, Xapón, Austria e Suíza/España, reuniranse no Centro de Inmersión Lingüística de Os Peares para preparar os ensaios previos aos seus concertos, que estarán abertos ao público. As actuacións terán lugar no Auditorio Municipal de Chantada, na igrexa de San Martiño de Nogueira e no Auditorio Municipal de Quiroga.

Na sede do Consorcio Local de Os Peares poderanse escoitar os gañadores do Premio Galimusic Fest Clásico Ribeira Sacra 2025: Lucía Lara (violín) e Abel Gómez-Antequera (violonchelo), acompañado ao piano por Raquel Garzás. Ese mesmo espazo acollerá tamén os finalistas do concurso de 2026 —aqueles participantes que superen a segunda fase— durante o chamado 'Concerto Vermú', programado para o domingo 30 ás 12.00 horas.

Toda a información sobre a programación e a reserva de entradas xa está dispoñible na web do festival: www.festclasicoribeirasacra.com.

Tras o concerto de clausura celebrarase a cerimonia de entrega do Premio Galimusic-Fest Clásico Ribeira Sacra. O gañador recibirá 1.500 euros, grazas a un acordo de colaboración coa AIE, ademais da oportunidade de actuar como solista principal no concerto de inauguración da novena edición do festival, en 2027.

Como en anos anteriores, a entrada aos concertos é gratuíta, previa reserva a través da web. Aínda así, a organización agradece calquera achega económica que axude a sustentar o evento. Unha das vías de colaboración é facerse "Amigo do Festival", condición que se pode solicitar contactando directamente a través da páxina web; tamén existe un Programa de Mecenado aberto a particulares e empresas. Os Amigos do Festival contan con prioridade á hora de reservar asento.

Desde o mes de xuño desenvólvese un programa de actividades complementarias ao Fest Clásico Ribeira Sacra, entre as que se inclúen as Exposicións de Pintura RSC. Este ano as mostras poden verse en Montederramo, Ferreira de Pantón, Quiroga e Os Peares, con 36 obras de 16 artistas centradas na Ribeira Sacra, o propio festival e a Galicia interior. A programación completa, xunto coa información sobre os artistas e as súas obras, pode consultarse no blog da asociación: www.asociaciónribeirasacracultural.com

0.12625288963318