O Faladoiro de Quiroga recupera os recordos da vida rural da man de Loyda López Pérez

RibeiraSacraXa
A actividade regresou tras o verán cun encontro dedicado á infancia da protagonista en Vilar do Mato e ás súas vivencias como emigrante
faladoiro-quiroga-loyda
2 Oct 2026

O Centro Social de Quiroga pechou a programación do mes de setembro cunha tarde que combinou o tradicional bingo coa recuperación do Faladoiro, que regresou á biblioteca do centro despois do descanso estival.

A primeira das actividades comezou ás 17.00 horas co bingo, no que se mantivo o habitual sorteo de produtos alimenticios entre as persoas participantes.

A continuación celebrouse unha nova edición do Faladoiro, que nesta ocasión tivo como protagonista a Loyda López Pérez, emigrante retornada e autora do libro ‘Loyda. Yo nací y me crié en la última aldea celta de Galicia’. A obra, na que recolle parte das súas lembranzas da infancia, acaba de ser traducida ao inglés.

Loyda naceu en Vilar do Mato e marchou con sete anos a Montevideo, en Uruguai, onde viviu durante 17 anos. Posteriormente residiu en Barcelona e Mallorca e, en 2012, estableceu a súa residencia habitual en Quiroga.

Durante o encontro compartiu lembranzas da súa infancia e dos anos que pasou na casa dos seus avós nunha aldea de Ribas de Sil. As súas experiencias e anécdotas serviron para lembrar como era a vida nas aldeas a mediados do século XX e para que as persoas asistentes compartisen tamén recordos relacionados coas súas propias orixes e experiencias.

O Faladoiro é unha actividade promovida polo Concello de Quiroga, a través da Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, e moderada polo concelleiro Xosé Manuel Fernández. A proposta funciona como un espazo aberto á veciñanza para favorecer a socialización, o intercambio de coñecementos e a participación.

En cada encontro, tras unha breve presentación da persoa convidada, as persoas participantes poden formular preguntas ou achegar as súas propias experiencias relacionadas co tema abordado.

0.15626096725464