O Faladoiro de Quiroga recupera os recordos da vida no rural tras o descanso estival

O Faladoiro do Centro Social de Quiroga retoma este mércores, 30 de setembro, a súa actividade tras o descanso estival cun encontro dedicado aos recordos da vida no rural. A sesión comezará ás 18.00 horas na biblioteca do Centro Social.
A protagonista será Loyda López Pérez, emigrante retornada que marchou con sete anos desde Vilar do Mato cara a Montevideo (Uruguai), onde viviu durante dezasete anos. Posteriormente residiu en Barcelona e Mallorca e, desde 2012, ten Quiroga como residencia habitual.
Aínda que abandonou a súa aldea natal sendo nena, Loyda conserva numerosos recordos de Vilar do Mato, que recolleu no seu primeiro libro, ‘Loyda. Yo nací y me crié en la última aldea celta de Galicia’. Na obra tamén relata a vida na casa dos seus avós, situada nunha aldea de Ribas de Sil.
A autora defínese como “unha pintora que escribiu un libro” e será a encargada de introducir un encontro no que se repasará a vida nas aldeas a mediados do século XX e se compartirán lembranzas das orixes das persoas participantes, cunha visión positiva do sentimento de morriña.
O Faladoiro é unha actividade promovida polo Concello de Quiroga a través da Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá e moderada polo concelleiro Xosé Manuel Fernández. O encontro está aberto á veciñanza e concíbese como un espazo de socialización, coñecemento e participación, no que, tras unha breve presentación da persoa convidada, os asistentes poden formular preguntas ou compartir as súas propias experiencias.