O evento Artesanía de Galicia chega a O Courel para amosar os segredos dos oficios artesanais

RibeiraSacraXa
O evento Artesanía de Galicia chega un ano máis a O Courel para amosar tódolos segredos dos oficios artesanais
oficio artesanal
oficio artesanal
3 Ago 2022

Un ano máis a iniciativa Artesanía de Galicia en O Courel, celebrarase dende hoxe e ata o vindeiro domingo día 7 de agosto, co obxectivo de dar a coñecer os oficios artesanais.

A vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza por segundo ano consecutivo o evento Artesanía de Galicia no Courel, co obxectivo de impulsar a divulgación e a posta en valor dos oficios artesanais, de visibilizar a marca Artesanía de Galicia e de fomentar o relevo xeracional no sector.

Durante cinco días, Artesanía de Galicia no Courel centrarase en achegarlle a artesanía aos asistentes a través de 11 obradoiros de iniciación a diferentes oficios como son a ourivería, o torno cerámico, o tecido, a restauración de mobles, a marquetería, a estampaxe, o bordado, a ilustración e a cestería.

As actividades desenvolveranse no centro sociocultural Fondo de Vila, en Folgoso do Courel, e en tres localizacións da aldea de Parada: a sede da Fundación Uxío Novoneyra, a antiga escola unitaria e mais o aloxamento rural A Carbiña.

Entre as propostas para as que era necesaria a inscrición previa -todas as prazas están xa cubertas– atópanse os obradoiros de ourivería e de restauración de mobles, os dous de estampaxe téxtil e os de marquetería. A antiga escola unitaria de Parada acollerá o obradoiro Iniciación á ourivería, impartido pola ourive Susi Gesto (Santiago de Compostela), en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas, no que os asistentes traballarán as técnicas tradicionais para crear unha xoia de deseño libre; e o curso Restauración de mobles de madeira, a cargo de Sabela Fuentes e Xan Barcala do obradoiro A Factoría Atelier (O Grove), en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas, no que se dará nova vida ao mobiliario das antigas escolas unitarias do Concello.

No aloxamento rural A Carbiña celebraranse dous obradoiros de Estampaxe téxtil impartidos pola artesá e deseñadora Natalia Moreno (Baiona), no que os asistentes aprenderán a crear composicións harmónicas e o uso da cor para diversos deseños que estamparán de xeito artesanal sobre téxtiles naturais coma o liño ou o algodón. Posteriormente crearase un bolso cos tecidos estampados. A actividade desenvolverase en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas, en dúas quendas, do 3 ao 5 de agosto e do 6 ao 7 de agosto.

O artesán restaurador de instrumentos musicais e luthier Régis Floury (Baiona) encargarase de impartir dous obradoiros de Iniciación á marquetería sobre unha caixa de madeira. Os asistentes aprenderán a construír un paquete con diferentes chapas de madeira, a partir dun debuxo escollido por un mesmo, e montar a marquetería encolándoa sobre a caixa para finalmente realizar os remates precisos.  Os obradoiros celebraranse na Fundación Uxío Novoneyra en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00, haberá dúas quendas do 3 ao 5 de agosto e do 6 ao 7 de agosto.

OBRADOIROS ABERTOS

A programación de Artesanía de Galicia no Courel inclúe tamén unha serie de obradoiros abertos ao público adulto e infantil, de carácter gratuíto e para os que non é necesaria a inscrición previa. O obxectivo destas actividades é tratar de divulgar os oficios artesanais e todos os valores que implica o feito á man para que futuros consumidores entendan o valor engadido da artesanía e mesmo futuros profesionais do sector vexan a artesanía como un modo de vida.

No centro sociocultural Fondo de Vila celebraranse os obradoiros de cerámica e de tecido, en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas. O ceramista Carlos San Claudio (Vigo) dirixirá o obradoiro de Iniciación ao torno cerámico, no que os participantes poderán elaborar no torno pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega.

Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) dirixirán o taller Aprendendo a tecer, no que amosarán as técnicas básicas para o manexo do tear e outros procedementos artesanais téxtiles fundamentais coma o fiado.

Na sede da Fundación Uxío Novoneyra celebraranse os obradoiros de ilustración e de cestería colaborativa, en horario de 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.00 horas. O debuxo. Unha ferramenta para tod@s estará impartido pola artesá Iria Ribadomar de Deica! Creacións (Santiago de Compostela) e nel aprenderanse os pasos que dar para comezar e adestrar o ollo e a man para poñelos ao servizo da creatividade. A cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), dirixirá o obradoiro de Cestería colaborativa, no que se creará unha estrutura traballando entre todas as persoas asistentes empregando a técnica do tecido intuitivo.

No aloxamento rural A Carbiña terá lugar o obradoiro de Bordado sobre fotografía,  dirixido por Minia Banet de Variopinto (Santiago de Compostela), en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas. Neste obradoiro os asistentes aprenderán a bordar sobre papel intervindo antigas imaxes da serra do Courel e arredores, empregando postais e fíos de bordado e creando texturas mediante diferentes puntos.

0.19316697120667