O CPI Poeta Uxío Novoneyra achega a toda a comunidade o proxecto “Palabra no tempo” sobre o léxico do Courel

RibeiraSacraXa
O alumnado presentará este mércores na Estación Científica do Courel unha investigación que documenta máis de 370 palabras do patrimonio lingüístico da comarca
domino-palabra-no-tempo
15 Jun 2026

A Estación Científica do Courel acollerá este mércores 17 de xuño, ás 18:00 horas, a presentación pública do proxecto educativo “Palabra no tempo”, desenvolvido polo CPI CPI Poeta Uxío Novoneyra ao longo do curso 2025/2026.

A iniciativa converteu o alumnado en protagonista activo dunha investigación centrada no patrimonio léxico da comarca, a través do traballo de campo no territorio, entrevistas a veciños e veciñas, e a recollida sistemática de vocabulario tradicional. En total, documentáronse máis de 370 palabras e expresións, seguindo unha metodoloxía con criterios de carácter lexicográfico.

Durante o acto, que será aberto ao público, o propio alumnado explicará o proceso de traballo e os resultados acadados. Entre eles destaca a incorporación do material recollido á plataforma Lingua Viva e ao Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués do Instituto da Lingua Galega (ILG–USC), así como a creación de xogos didácticos como un memory e un dominó centrados no léxico local.

O proxecto conta co aval do programa Plan Proxecta+ da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e foi recoñecido entre os cinco mellores proxectos de innovación educativa do ano. Ademais, recibiu o Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

A publicación dun dicionario físico elaborado en colaboración coa Deputación de Lugo queda prevista para o próximo curso.

0.14818787574768