O Courel e a Ribeira Sacra celebran en novembro o seu primeiro encontro conxunto de iniciativas locais

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A cita, aberta a entidades, empresas e cooperativas de ambos os territorios, busca reforzar a colaboración entre proxectos de turismo, patrimonio, cultura e economía social
Ribas de Sil (redimensionado)
5 Nov 2026

O Xeocámping Montañas do Courel acollerá os vindeiros 21 e 22 de novembro a primeira edición de ‘O Fiadeiro. Territorios que conectan’, un encontro pensado para achegar entidades, empresas, cooperativas e profesionais que desenvolven a súa actividade no Courel e na Ribeira Sacra. O obxectivo é tecer vínculos entre iniciativas que xa colaboran entre si e abrir a porta a novas alianzas que permitan compartir recursos e sacar adiante proxectos conxuntos.

Trátase de dous territorios con identidade propia: o Courel conta co recoñecemento de Xeoparque Mundial da UNESCO desde 2019, mentres que a Ribeira Sacra se consolidou como un dos destinos máis visitados do interior de Galicia. Malia esa proxección, ambos comparten problemas semellantes, como a perda de poboación, a forte concentración do turismo nalgunhas épocas do ano ou a dificultade para que haxa relevo xeracional nos proxectos existentes. Segundo os organizadores, afrontar estes retos de xeito coordinado resulta máis eficaz que facelo por separado.

A organización do encontro corre a cargo da cooperativa Aventeira, que xestiona o Xeocámping Montañas do Courel, e conta coa colaboración do propio Xeoparque Montañas do Courel, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a unión de cooperativas EspazoCoop. O financiamento procede da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), que actúa como organismo intermedio do programa EFESO (Emprego, Educación, Formación e Economía Social), cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus.

Aitor Novo, coordinador de Aventeira, resume así o espírito da iniciativa: “Un territorio non se mantén vivo só con visitantes. Precisa xente que viva e traballe nel, e que o faga en colaboración”.

A economía social, un dos eixos centrais

As xornadas prestarán especial atención ás fórmulas de economía social, como as cooperativas, entendidas como unha vía para xerar emprego e manter actividade económica en zonas rurais. Pol Ovalle, tamén de Aventeira e responsable da xestión do Xeocámping, explica o plantexamento do encontro: “No Courel e na Ribeira Sacra hai moita xente facendo cousas, e boa parte xa colabora. Queremos sentala na mesma mesa para que esas relacións medren e saia de aquí con novas cousas que facer xuntos”.

O nome do encontro, ‘O Fiadeiro’, fai referencia ás xuntanzas tradicionais nas que a veciñanza se xuntaba para fiar e conversar. O formato das xornadas segue esa mesma filosofía: poucas relatorías e moito tempo dedicado ás presentacións persoais e ao traballo en grupos reducidos. Unha vez rematado o encontro, a organización compartirá os resultados e as conclusións obtidas.

Información práctica

A participación en ‘O Fiadeiro. Territorios que conectan’ é gratuíta, aínda que require inscrición previa antes do 16 de novembro. A cota inclúe os xantares e as pausas de café de ambas as xornadas.

0.11486911773682