O Courel acolle a partir deste mércores máis dunha vintena de obradoiros da man de Artesanía de Galicia

Artesanía de Galicia celebrará entre o 5 e o 9 de agosto unha nova edición de Artesanía de Galicia no Courel, cun programa de actividades repartido entre Folgoso do Courel e Parada que combinará obradoiros con inscrición previa e propostas gratuítas abertas ao público.
En Folgoso do Courel, o Centro Sociocultural Fondo de Vila será a sede das actividades. Entre os cursos con inscrición previa figura un obradoiro de iniciación ao torno cerámico impartido polo ceramista Carlos San Claudio, de Vigo, no que as persoas participantes aprenderán a elaborar diferentes pezas de barro mediante técnicas da olería tradicional galega. A actividade desenvolverase durante os cinco días do programa, contará con cinco prazas e terá un custo de 40 euros.
A programación gratuíta incluirá un obradoiro de técnicas de cerámica en mesa dirixido por Ollala Lojo, de Misoco Designs, centrado na transferencia de imaxes con engobes sobre cerámica. Ademais, a artesá Sandra Betanzos, da marca Amor ó Teu, ofrecerá varias propostas ao longo da semana, entre elas a creación de faroliños de papel estampados a man, a elaboración de selos personalizados e estampaxe de cadernos kraft, a decoración de panos mediante a técnica de esterxido e a estampaxe de camisetas combinando serigrafía e tipografías de imprenta.
Parada contará tamén cun amplo programa de actividades. Entre os obradoiros con inscrición previa organizaranse cursos de iniciación á ourivería, impartido por Susi Gesto; técnicas de ebanistería, a cargo de Rodrigo Mosquera, do obradoiro Tres Oficios; elaboración dun tallo encordado con fibras vexetais, dirixido por Belén Martínez, de Casa Atlántica; e un curso para tecer o Chal das Danzas, impartido por Dolores García, do obradoiro Logaro, destinado a persoas cun nivel intermedio ou avanzado no manexo do gancho.
As actividades abertas ao público incluirán un obradoiro de máscaras e aldeas de vimbio conducido por Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica, así como un taller sobre a técnica de felpado ou gurrullo impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola.
Na Fundación Uxío Novoneyra desenvolveranse ademais diferentes propostas a cargo dos artesáns María José Martínez e José Antonio Ferreira, do obradoiro Peixesapo. Entre elas figuran obradoiros de creación de acuarelas, impresión sobre prancha de xel, elaboración de libros infinitos e encadernación á australiana. Algunhas destas actividades estarán dirixidas tanto a persoas adultas como a menores de máis de oito anos acompañados por unha persoa adulta.
Os obradoiros con inscrición previa desenvolveranse entre o 5 e o 9 de agosto, cun prezo de 40 euros e prazas limitadas, mentres que as actividades gratuítas estarán abertas á participación do público durante esas mesmas datas nas diferentes sedes de Folgoso do Courel e Parada.