O Conservatorio Municipal de Música Mestre Ibáñez celebra o seu 25 aniversario

A Casa da Cultura de Monforte acolleu o acto institucional de conmemoración do 25 aniversario do Conservatorio Municipal Profesional de Música Mestre Ibáñez, unha celebración organizada polo Concello de Monforte para render homenaxe á traxectoria dun centro que, desde a súa creación no ano 1999, converteuse nun referente da formación musical na cidade e na comarca.
O evento reuniu a alumnado, exalumnado, profesorado, familias e representantes institucionais nunha xornada marcada polos recordos e o recoñecemento ao traballo desenvolvido durante estes vinte e cinco anos. Contou coa participación do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, que acudiron acompañados pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os Concelleiros de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, e Deportes, José Manuel Mougán, e a Concelleira de Muller, Igualdade e Comercio, Regina López.
O acto foi presentado por unha exalumna do Conservatorio, e arrancou coa actuación musical da profesora e tamén exalumna Aldara Otero Fernández, acompañada ao piano polo profesor Azazel Fernández Prado. A continuación, Aida López Casado e Fernando Estévez Rodríguez, que tamén cursaron estudios musicais neste centro, compartiron as súas vivencias e lembranzas da súa etapa formativa, e deron paso á proxección dun vídeo homenaxe que percorreu algúns dos momentos máis significativos da historia do Conservatorio.
Posteriormente interveu o director do Conservatorio, Fernando Sanmartino, quen destacou a evolución experimentada polo centro ao longo deste cuarto de século, así como o seu papel fundamental na formación musical de centos de alumnos e alumnas. Tamén pronunciou unhas palabras a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, que destacou a importancia da música na formación integral das persoas.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de pechar o acto. Durante a súa intervención destacou que “hoxe non celebramos un simple aniversario, senón 25 anos de esforzo, aprendizaxe e compromiso coa cultura na nosa cidade”, lembrando que o Conservatorio naceu en 1999 grazas á firme aposta do Concello pola formación musical de calidade.
O rexedor subliñou tamén que preto de 800 alumnos e alumnas cursaron estudos oficiais de música neste centro desde a súa creación, cifra que supera as 2.000 persoas se se ten en conta tamén o alumnado da Escola Municipal de Música. Neste sentido, puxo en valor tanto aos profesionais que fixeron posible esta evolución do Conservatorio como aos estudantes que pasaron polas súas aulas ao longo destes anos.
“Ao longo destes anos, o Conservatorio tense convertido nunha institución de referencia na nosa comarca, un espazo onde centos de nenos e nenas descubriron a súa paixón pola música, desenvolveron o seu talento e aprenderon valores tan importantes como a disciplina, a constancia e o traballo en equipo, porque a música tamén e iso”, afirmou o rexedor.
José Tomé agradeceu expresamente o traballo realizado polo profesorado, os equipos directivos, as familias e o alumnado, e reafirmou o “compromiso do Concello coa educación musical como ferramenta fundamental para construír unha sociedade máis culta e máis creativa”.
Ao remate da súa intervención, o Alcalde fixo entrega dun obsequio conmemorativo a alumnos e exalumnos, profesores e exprofesores presentes no acto, como mostra de recoñecemento e agradecemento pola súa contribución á historia do Conservatorio.
A celebración rematou coa actuación do exalumno e barítono Lucas López López, acompañado ao piano polo profesor Azazel Fernández Prado. Esta actuación puxo o broche final ao acto.