O Concurso de Tapas da Guimaralia volve á Pobra do Brollón con cinco locais participantes

RibeiraSacraXa
A iniciativa gastronómica prolongarase durante unha semana e rematará cunha xornada de música nos bares participantes
concurso tapas Guimaralia A Pobra do Brollón
26 Nov 2026

A Pobra do Brollón prepárase para unha semana dedicada á gastronomía local co regreso do Concurso de Tapas da Guimaralia, un certame que xa acumula dezasete edicións e que, un ano máis, convida a veciños e visitantes a percorrer a oferta hostaleira do municipio. A cita, organizada polo Concello, comezará o venres 27 de novembro e prolongarase ata o venres 4 de decembro.

Nesta edición participan cinco establecementos repartidos por distintos núcleos do municipio: tres deles na propia Pobra do Brollón, un en Salcedo e outro en Cereixa.

Cada un dos locais elaborou unha proposta diferente pensada especificamente para o concurso. Entre as tapas que poderán degustarse esta edición figuran 'Delicias de Outono', 'Tosta Cereixá, a tentación nun bocado', 'Tentación de Brollón', 'Patacas con conto' e 'Tosta Barbao'.

Antes de saíren á venda, todas as elaboracións pasaron por unha cata previa a cargo de dous cociñeiros profesionais, Diego Martínez e Martín Mantilla, encargados de comprobar que as propostas cumprían os criterios de calidade esixidos pola organización.

O prezo de cada tapa será de 1,50 euros, e poderán degustarse en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas. Como excepción, dous dos locais non abrirán o luns 30 de novembro, mentres que outro permanecerá pechado o mércores 2 de decembro.

Ademais de desfrutar das tapas, os clientes poderán participar nun sorteo se consiguen que a súa tarxeta de voto sexa selada en todos os locais participantes. O premio consiste nun circuíto termal para dúas persoas nun balneario de Ferreira de Pantón. Estas tarxetas servirán tamén para que o público elixa, mediante votación popular, as tres mellores tapas do concurso.

Unha vez finalizado o certame gastronómico, a celebración continuará coa décimo cuarta edición dos Cantos de Taberna, que terá lugar o sábado 5 de decembro a partir das 18.30 horas nos mesmos establecementos que participaron no concurso de tapas.

0.1696560382843