O concurso de proxectos empresariais Semente Ribeira Sacra rexistra 63 propostas na súa XII edición

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
Os seleccionados como finalistas daranse a coñecer previsiblemente a finais de xullo
premios-semente-ribeira-sacra-2025
9 Jun 2026

O concurso de proxectos empresariais Semente Ribeira Sacra pechou o prazo desta edición cun total de 63 ideas presentadas, tras recibir 82 inscricións iniciais entre mediados de marzo e finais de maio. Finalmente, esas 63 candidaturas completaron o proceso de participación.

As propostas abranguen sectores moi variados, con iniciativas que van desde o ámbito educativo ata a innovación tecnolóxica aplicada ao sector agrario. Entre as ideas presentadas hai proxectos relacionados co uso de drons no traballo agrícola, ferramentas dixitais para aloxamentos turísticos, proxectos musicais, iniciativas de rehabilitación, así como propostas vencelladas á gastronomía, cosmética, artesanía, terapias de benestar ou recuperación da memoria rural.

A procedencia das persoas participantes é maioritariamente galega, cunha presenza repartida por distintas zonas do territorio e especial incidencia da provincia de Ourense. Tamén se recibiron candidaturas procedentes doutras comunidades e do estranxeiro.

Tras o peche do prazo, o xurado iniciará o proceso de avaliación das ideas presentadas. Está previsto que o 27 de xullo se dean a coñecer os dez proxectos seleccionados como finalistas, aos que se engadirán tres reservas para posibles substitucións antes do remate do proceso.

As persoas escollidas deberán desenvolver e entregar o proxecto final entre agosto e setembro de 2026, a través da plataforma habilitada na web oficial do certame. Posteriormente, terán que defendelo nunha xornada presencial prevista para o 7 de novembro no Parador de Monforte, onde tamén se celebrará a entrega de premios.

Os galardóns inclúen unha dotación económica de 10.000 euros para o primeiro premio, 6.000 para o segundo e 4.000 para o terceiro. Ademais, o proxecto gañador poderá acceder a un programa executivo de formación empresarial na Coruña, con opción de traspaso do premio a outros finalistas no caso de renuncia.

Tamén se ofrecerá formación específica para os dez proxectos finalistas que decidan participar nun plan impulsado por AGADER.

0.13982105255127