O Concello Monforte reúne ás adegas do Festival do Viño da Ribeira Sacra e realiza o sorteo dos stands

O Concello de Monforte celebrou onte, mércores 3 de xuño ás 20.30 horas, unha reunión coas adegas participantes na oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que terá lugar os días 3, 4 e 5 de xullo na cidade.
O encontro estivo presidido polo alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e desenvolveuse no Salón de Plenos da Casa do Concello. A xuntanza serviu para explicar aos participantes os aspectos organizativos, técnicos e estéticos do evento, así como para dar conta das novidades desta edición e repasar o programa, no que se inclúen actuacións musicais, catas temáticas, masterclass e actividades infantís.
Durante a reunión, o rexedor agradeceu a implicación das adegas participantes e o seu interese por formar parte dun certame que busca consolidarse como unha das citas destacadas da Ribeira Sacra en xullo.
Un dos momentos centrais da xuntanza foi o sorteo público dos stands, no que se determinou a orde e localización das adegas no recinto do festival, que volverá situarse no Paseo do Malecón, xunto ao río Cabe.
O alcalde tamén puxo en valor o carácter estratéxico do festival para a promoción do territorio e do sector vitivinícola da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, así como o seu impacto na dinamización económica e turística da zona. Neste sentido, subliñou o seu papel na difusión da cultura e do patrimonio local e no impulso do comercio e da hostalería, "fomentando a actividade do comercio e da hostalería a través dun certame que, agardamos atraia a milleiros de persoas durante a primeira fin de semana de xullo”.