O Concello de Monforte desenvolve un programa de actividades polo Día das Letras Galegas

RibeiraSacraXa
A programación ideada arredor do Día das Letras Galegas incluíu a celebración do Festival Letras Galegas 2024
Día-das-Letras-Galegas-Monforte
18 May 2024

O Concello de Monforte de Lemos celebrou a conmemoración do Día das Letras Galegas deste ano 2024, que está dedicado a escritora e música, Luísa Villalta Gómez.

Dentro da programación dedicada a celebrar esta data tan significativa para a ¡comunidade, o Concello está a desenvolver un completo programa de actividades dende o 9 ata o 28 de maio.

Deste xeito, a programación ideada arredor do Día das Letras Galegas incluíu a celebración do Festival Letras Galegas 2024 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, que abriu coa intervención institucional do alcalde da cidade, José Tomé Roca, quen salientou a “prolífica obra de Luísa Villalta que abarca poesía, teatro, narrativa e ensaio, a través da cal foi unha defensora apaixonada da lingua e cultura galegas”.

O rexedor salientou que “a súa obra non só é recoñecida pola súa beleza literaria, senón tamén polo seu profundo sentido de xustiza social e igualdade” e trasladou os motivos que fixeron que a Real Academia Galega escollera a esta escritora coruñesa para a homenaxe deste ano, entre os que destacou que “foi unha creadora dunha obra única e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega xurdida na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90”.

Así mesmo, Tomé subliñou que “Luísa Villalta mantén o pulso tenso da pescuda intelectual en cada acto de escrita cunha atenta interacción cos debates do seu tempo, que é tamén este. A coherencia da súa posición intelectual é un dos trazos significativos dunha personalidade literaria que se debuxa con matices propios e singulares no contexto da dúas últimas décadas do século XX e primeiros anos do XXI.".

Neste senso, José Tomé indicou que “na súa concepción literaria Luísa Villalta considera que a poesía é palabra melódica, polo que a música é motivo central dalgúns dos seus libros, tanto na temática como na estrutura dos mesmos”. Por este motivo, que mellor que celebrar hoxe na honra de Luísa Villalta o festival musical que lle ofreceremos a continuación”, concluíu o rexedor monfortino, anunciando as actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e da Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos.

Pero antes de darlle paso a estas actuacións musicais, o alcalde rescatou uns versos desta autora coruñesa, en concreto, do poema 'Antiquísima' do libro 'En Concreto.

No acto, ademais do alcalde tamén estiveron presentes a tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, a concelleira de Consumo, Regina López e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, así como outros membros da Corporación municipal e numeroso público.

0.17176795005798