O Concello de Taboada respalda unha moción de Queremos Galego! a prol do idioma e apoia a recollida de sinaturas de ‘Lingua Vital’

O pleno ordinario celebrado esta semana polo Concello de Taboada aprobou, co respaldo da maioría dos grupos, unha moción presentada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego!.
Con esta aprobación, o Concello renova o seu compromiso co idioma galego, ao que define como “máxima expresión do pobo galego e imprescindible para a cohesión e o desenvolvemento social”, comprometéndose ademais a actuar, dentro das súas competencias, para que ese respaldo se traduza en medidas concretas.
A moción inclúe tamén o apoio explícito á iniciativa lexislativa popular (ILP) ‘Lingua Vital’, unha proposta de lei impulsada mediante recollida de sinaturas que persegue trasladar á normativa vixente os distintos acordos existentes a prol do galego. O obxectivo desta iniciativa é garantir a plena presenza do idioma en todos os ámbitos e asegurar o dereito da cidadanía a empregalo.
Para que ‘Lingua Vital’ poida ser debatida no Parlamento de Galicia é necesario reunir un mínimo de 10.000 sinaturas de persoas inscritas no censo electoral galego, requisito indispensable para que calquera iniciativa lexislativa popular poida tramitarse na cámara autonómica.