O Concello de Quiroga ten en marcha un plan de mantemento da vila que espera rematar antes da Feira do Viño

RibeiraSacraXa
O Concello de Quiroga ten en marcha un plan de mantemento da vila que espera rematar antes da Feira do Viño
plan mellora Quiroga2
plan mellora Quiroga2
16 feb 2023

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, púxose en contacto coa Xefatura de Estradas da Xunta de Galicia para solicitarlles que acometeran melloras da sinalización viaria nas estradas que son da súa competencia na vila quiroguesa: a rúa Real, a travesía do Toucedo e a travesía da Ribeira.

Con este pintado iníciase o plan de mantemento da vila quiroguesa no que se realizará unha limpeza en profundidade das beirarrúas da zona central da vila. Para iso, investirase preto de 20.000 euros e tamén na mellora dos elementos urbanos que están en mal estado. Ademais, os GES do concello están levando a a cabo o pintado da sinalización horizontal das beirarrúas.

A mellora dos elementos urbanos levarase a cabo nas rúa Courel, Tallos, Pereiro, Campo da Feira e Ánxel Fole. Tamén se inclúen o parque da Igrexa, o parque da praza España, a praza Maior e os xardíns da rúa Rosalía de Castro.

Traballos de mellora

Os traballos de mellora consistirán basicamente en limpeza e pintado de papeleiras e xardineiras ou a substitución das que se atopen máis deterioradas, limpeza de bancos de formigón e pintado dos de madeira, pintado e substitución de cristais nas farois e retirada de bancos ou mobiliario que entorpecen a circulación polas beirarrúas para situalos noutros lugares, como sería o caso da rúa Real á altura da gasolineira.

Tamén se contempla a mellora da iluminación da fachada da casa consistorial, iluminación para o parque infantil da praza de España, substitución da sinalización da rúa Real que o precise e a colocación dun tramo de beirarrúa na rúa Campo da Feira.

Para a realización deste Plan de Mantemento da Vila de Quiroga, que se levará a cabo nun prazo de dous meses, o concello conta cun orzamento de 48.300 euros.

O orzamento total de todas estas melloras achegarase os 100.000 euros. Segundo o alcalde quirogués, estes traballos deberían estar rematados a principios do mes de abril, coincidindo coa celebración da XL Feira do Viño.