O Concello de Quiroga reparte arredor de 400 exemplares da revista “Lobos te coman!” entre os centros de ensino

RibeiraSacraXa
A publicación reúne unha ampla variedade de pasatempos, xogos, contidos culturais e divulgación sobre o patrimonio local
entrega-lobos-te-coman-quiroga
20 Jun 2026

A concelleira de Educación, Maite Pérez, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, fixeron entrega esta semana de arredor de 400 exemplares da revista de pasatempos “Lobos te coman!”, editada pola Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, que foi repartida entre os centros de ensino do municipio.

A revista entregouse na escola A Galiña Azul, no Colexio de Educación Infantil e Primaria e no Instituto de Educación Secundaria. Os exemplares repartidos entre as direccións dos centros están destinados a todo o alumnado e profesorado, sumando preto de 400 unidades en total.

A publicación contén unha ampla variedade de pasatempos, como encrucillados, sopas de letras, xeroglíficos, autodefinidos, encadeados e cruzadas, ata completar 45 xogos con solucionario incluído.

Ademais da parte lúdica, “Lobos te coman!” inclúe contidos divulgativos centrados na riqueza do patrimonio de Quiroga e unha vertente lingüística orientada á creación de contidos en galego.

A revista recolle tamén referencias a escritores vinculados ao municipio, fotografías de Ramón Vila sobre distintos espazos quirogueses e códigos QR que permiten acceder a rutas de sendeirismo, murais e outras propostas turísticas, así como a información dos museos e puntos de interese do Xeoparque Montañas do Courel.

Tras a entrega nos centros educativos, o Concello de Quiroga dispón aínda de exemplares adicionais que se repartirán de forma gratuíta na Casa da Cultura ata esgotar existencias.

0.13777995109558