O Concello de Quiroga organiza unha excursión á Mariña Lucense

RibeiraSacraXa
A saída terá lugar este próximo domingo e as persoas interesadas teñen até o día 6 para anotarse
excursion-ariña-quiroga
4 May 2026

A Concellería de Turismo do Concello de Quiroga organiza unha excursión á Mariña Lucense o vindeiro domingo 10 de maio, cun completo programa de visitas a algúns dos puntos máis emblemáticos do litoral norte galego.

A xornada incluirá paradas en Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica, onde conflúen o océano Atlántico e o mar Cantábrico e onde se sitúa un faro inaugurado en 1846. O itinerario continuará por Viveiro, destacada polo seu casco histórico de trazado tradicional, con rúas estreitas, prazas empedradas e tres portas conservadas da antiga muralla.

O percorrido tamén inclúe a visita á Praia das Catedrais, declarada Monumento Natural e zona de especial conservación, así como á Illa Pancha, onde se atopan dous faros, un deles actualmente reconvertido en aloxamento turístico. A última parada será en Ribadeo, localidade coñecida polos seus edificios señoriais e pola relevancia histórica como porto do Cantábrico.

O concelleiro de Turismo, Vicente Parra, anima á veciñanza a participar nesta iniciativa, destacando a diversidade paisaxística e cultural da Mariña Lucense, así como o valor da súa arquitectura, gastronomía e praias.

A saída está prevista para as 8:00 horas e o regreso a Quiroga será arredor das 22:00. O prezo da excursión é de 30 euros por persoa, incluíndo comida e guía oficial durante todo o percorrido.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 6 de maio chamando aos teléfonos 982 43 51 25 ou 982 43 89 51. As prazas están limitadas a 50 participantes.

0.12380599975586