O Concello de Quiroga despediu o “Mes das nosas letras” coa presentación da revista “Lobos te coman”

RibeiraSacraXa
A escritora local Celia Díaz deu a coñecer esta revista de pasatempos ambientada no propio municipio de Quiroga ante o público asistente
presentacion-lobos-te-coman-quiroga
1 Jun 2026

A Casa da Cultura de Quiroga acolleu este pasado sábado a presentación da revista “Lobos te coman”, da escritora local Celia Díaz, un acto co que o Concello puxo fin ao programa “Mes das nosas letras”.

A sesión estivo presidida pola apertura do alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, e foi conducida polo concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Fernández.

Durante a presentación, a autora deu a coñecer esta revista de pasatempos ambientada no propio municipio de Quiroga, que combina entretemento e divulgación do patrimonio local. A publicación inclúe referencias a escritores vinculados coa zona, fotografías de Ramón Vila que recollen distintos espazos quirogueses, e códigos QR que permiten acceder a rutas de sendeirismo, murais, museos e outros puntos de interese, así como a espazos do Xeoparque Montañas do Courel.

“Lobos te coman” reúne unha ampla variedade de pasatempos, como encrucillados, sopas de letras, xeroglíficos, autodefinidos, encadeados ou dameros, ata completar un total de 45 xogos acompañados do seu solucionario.

Máis aló do aspecto lúdico, a autora destacou o valor divulgativo da obra, destinada a dar a coñecer a riqueza cultural e patrimonial de Quiroga, así como o seu interese lingüístico ao xerar contidos en galego.

Durante o acto tamén se fixo referencia ao propio título da revista, unha expresión popular moi característica da zona que, segundo explicou Celia Díaz, se emprega con sentido coloquial e humorístico, diferente ao uso habitual noutros lugares de Galicia.

A presentación rematou cunha actividade práctica na que o público asistente elaborou algúns dos pasatempos incluídos na revista, ofrecendo unha breve demostración do proceso creativo destes xogos.

Todas as persoas presentes recibiron un exemplar da publicación, editada pola Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Ademais, a revista distribuirase entre o alumnado dos centros educativos do municipio e estará dispoñible de forma gratuíta na Casa da Cultura ata esgotar exemplares.

0.10803580284119