O Concello de Quiroga denuncia os actos vandálicos na Fonte do Patio e chama á responsabilidade cidadá

RibeiraSacraXa
O conxunto monumental, situado no barrio da Praza, apareceu con danos na fonte, na parede de pedra e na fachada lateral dunha vivenda
pintadas-vandlismo-fonte-do-patio
13 Oct 2026

A aparición de varias pintadas na Fonte do Patio, situada no barrio da Praza, xerou malestar entre a veciñanza pola afección a este elemento do patrimonio local. Os danos, detectados hai uns días, afectan á propia fonte, á parede de pedra que a rodea e á fachada lateral dunha vivenda próxima.

As pintadas motivaron reaccións entre as persoas residentes na zona, que alertaron da situación a través das redes sociais e expresaron a súa preocupación polo estado deste espazo emblemático.

Ante o ocorrido, o Concello fixo un chamamento á responsabilidade cidadá e lembrou que os actos vandálicos contra o patrimonio e o mobiliario urbano poden ser sancionados conforme á lexislación vixente. A Administración local sinala tamén que as persoas responsables poden ter que asumir os custos derivados da restauración dos elementos afectados.

A Fonte do Patio foi acondicionada nos anos 90 por alumnos traballadores dunha Escola Taller. Naquel momento, os labores incluíron o rexuntado das paredes, a recollida da auga sobrante e a colocación dunha nova pavimentación.

O conxunto forma parte dos espazos tradicionais da zona e a súa conservación volve estar no centro da atención veciñal tras a aparición das pintadas.

0.17764902114868