O Concello de Pantón lembra as pautas de seguridade para observar o eclipse solar do 12 de agosto

RibeiraSacraXa
O Concello difunde unha serie de recomendacións para gozar do fenómeno astronómico sen riscos para a vista, insistindo no uso de material homologado e na planificación previa do lugar de observación
eclipse_ribeira_sacra_2026
11 Aug 2026

Coa vista posta no eclipse solar do vindeiro 12 de agosto, o Concello de Pantón fai chegar á veciñanza unha serie de consellos básicos para poder contemplar o fenómeno sen poñer en risco a saúde visual.

A recomendación principal pasa por empregar unicamente lentes específicas para a observación solar, homologadas baixo a norma EN ISO 12312-2:2015, xa que son as únicas que garanten unha protección axeitada fronte á radiación do Sol. Desde o Concello insístese en que mirar directamente ao astro sen esta protección pode provocar lesións oculares irreversibles.

Neste sentido, o consistorio advirte de que non serven como substituto outros elementos que popularmente se teñen empregado con este fin, como lentes de sol convencionais, radiografías ou cristais de máscaras de soldador, xa que non filtran de forma segura a luz solar. Tampouco é seguro, sinalan, observar o eclipse a través de prismáticos, telescopios ou cámaras fotográficas se estes instrumentos non contan cun filtro solar específico, dado que concentran a radiación e aumentan o risco de dano ocular.

O Concello recomenda ademais revisar o estado das lentes de eclipse antes de utilizalas, comprobando que non presenten raiaduras, buratos ou desperfectos que poidan comprometer a súa eficacia.

De cara á loxística do día, desde a administración local aconsellan escoller con antelación un punto con boa visibilidade cara ao oeste, así como planificar con tempo o acceso a ese lugar, tendo en conta a posible afluencia de público que pode xerar un fenómeno destas características.

0.14187002182007