O Concello de Monforte realiza traballos de limpeza da vexetación na Ponte Medieval

RibeiraSacraXa
A actuación, executada pola Brigada Municipal de Parques e Xardíns, obriga ao peche temporal da ponte ao tráfico de vehículos e peóns durante a xornada
limpeza-ponte-medieval-monforte
4 Aug 2026

O Concello de Monforte de Lemos levou a cabo este martes 4 de agosto unha nova actuación de limpeza da vexetación acumulada na Ponte Medieval, un labor de mantemento que se vén realizando nos últimos anos co obxectivo de conservar este Ben de Interese Cultural e realzar a súa imaxe.

Os traballos, executados pola Brigada Municipal de Parques e Xardíns, consisten na retirada da maleza e das herbas que medraron nos últimos meses. Para poder desenvolvelos con seguridade, foi necesario pechar ao tráfico de vehículos e peóns o paso pola ponte desde as 8.00 horas e ata a finalización da intervención.

O alcalde, José Tomé Roca, subliñou que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato no ano 2015. A Ponte Medieval é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o desfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.

Durante o peche, os peóns deben utilizar como itinerarios alternativos a pasarela de madeira e a Ponte Nova, mentres que para os vehículos se estableceron desvíos. Os que circulan desde o Campo de San Antonio deben desviarse pola rúa Méndez Casal, continuar por Abeledos e incorporarse á Ronda María Emilia Casas Baamonde. No caso dos vehículos que transitan por Santa Clara cara ao centro da cidade, o itinerario alternativo discorre pola rúa Corredoira. Pola súa banda, os que circulan desde a rúa Corredoira en dirección a Santa Clara deben continuar por esta última vía cara á Ronda María Emilia Casas Baamonde.

0.1103949546814