O Concello de Monforte presenta o cartel anunciador das Festas Patronais de 2026

O Concello de Monforte presenta o cartel anunciador das Festas Patronais de 2026
Jessica Denise Bazaes gañou o concurso convocado polo Concello cunha obra titulada “Luz de Fada”, que reivindica a identidade, a tradición e a maxia das festas
O Concello de Monforte de Lemos presentou este martes o cartel oficial das Festas Patronais 2026, que se celebrarán entre os días 11 e 16 de agosto. A proposta escollida polo xurado leva por título “Luz de Fada” e é obra de Jessica Denise Bazaes Latrille, veciña do Saviñao, que recibirá un premio de 1.000 euros pola creación gañadora.
A presentación correu a cargo do alcalde, José Tomé, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e a propia autora da obra.
O cartel foi seleccionado entre un total de 40 propostas presentadas ao concurso municipal, unha cifra que converte esta edición na máis participativa dos últimos anos. Segundo destacou o rexedor, a convocatoria duplicou a participación rexistrada en 2025, cando concorreran vinte traballos. “A participación duplicou a rexistrada o pasado ano, cando se presentaran 20 propostas, o que demostra o crecente interese dos artistas por formar parte das nosas Festas Patronais e contribuír coa súa creatividade á súa promoción”, sinalou.
A maior parte das obras procedían de Monforte de Lemos, cun total de 30 traballos, destacando especialmente a presenza de participantes mozos. As dez propostas restantes chegaron desde distintos puntos de Galicia e tamén doutras comunidades autónomas.
Tomé lembrou que o certame busca fomentar a participación cidadá e ofrecer un espazo para que artistas e afeccionados poidan expresar a súa visión das festas. Ademais de converterse na imaxe oficial das Patronais, a obra gañadora ilustrará a portada do programa festivo.
Durante a presentación, o alcalde tamén puxo o foco no carácter artesanal da creación premiada. “Nun momento no que existe un intenso debate sobre o uso da intelixencia artificial na creación artística, podemos afirmar sen ningunha dúbida que estamos ante unha obra pintada a pincel sobre un lenzo de gran formato, completamente libre de IA”, destacou.
O rexedor definiu “Luz de Fada” como unha proposta “moi colorista, alegre e luminosa”, na que predominan os tons azuis inspirados tanto no río Cabe como no ceo da cidade.
A composición reúne algúns dos elementos máis representativos de Monforte, entre eles a Virxe de Montserrat, que ocupa unha posición central, o Conxunto Monumental de San Vicente, a Ponte Medieval, a cúpula do Colexio dos Escolapios e un pergamiño que anuncia as festas e remite ao pasado histórico da cidade. Tamén incorpora os tradicionais fogos artificiais, integrados na escena para representar o carácter festivo da celebración.
Para José Tomé, “estamos ante un cartel con ADN cen por cen monfortino”, unha obra que combina os símbolos máis recoñecibles da cidade coa esencia das súas festas.
Pola súa banda, Jessica Denise Bazaes explicou que a súa intención foi transmitir “a alegría e a maxia” das Patronais, pero tamén destacar os valores que as sustentan. Así, subliñou a importancia de conceptos como “o arraigo, o orgullo polas festas e a identidade compartida, porque sen iso non hai traspaso xeracional”.
A autora engadiu que o cartel representa as celebracións monfortinas, “pero tamén os piares que as sustentan, as tradicións, o enraizamento, o apego ao lugar, a memoria colectiva e o patrimonio cultural e natural”.
As corenta obras presentadas ao concurso poderán verse nunha exposición que se organizará a comezos de agosto na Casa da Cultura de Monforte, permitindo que a veciñanza e os visitantes coñezan todas as propostas participantes nesta edición do certame.