O Concello de Monforte organiza dous obradoiros de costura creativa para aprender a coser e reparar roupa

RibeiraSacraXa
As sesións celebraranse o 15 de outubro na Praza de Abastos e ofrecerán formación práctica para iniciarse na costura e prolongar a vida útil das prendas
Imaxe de costura creativa
9 Oct 2026

O Concello de Monforte de Lemos organizará o vindeiro xoves 15 de outubro dous obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil na Praza de Abastos. As actividades están dirixidas a persoas adultas e buscan ensinar técnicas sinxelas para reparar e transformar a roupa, reducir os residuos téxtiles e fomentar un consumo máis responsable.

A programación parte da idea de aproveitar as prendas que xa temos antes de substituílas por outras novas. A través da costura e da reutilización dos tecidos, a iniciativa pretende ofrecer ferramentas prácticas para alongar a vida útil da roupa e impulsar unha relación coa moda baseada no deseño circular.

A primeira sesión, titulada ‘Primeiros pasos na costura’, desenvolverase de 9.00 a 11.30 horas. As persoas participantes aprenderán a manexar as ferramentas básicas, enfiar a agulla, facer nós de remate e practicar diferentes puntadas, como o hilván, o punto atrás e o sobrefiado. Cada asistente elaborará un mostrario físico de puntadas que poderá conservar como guía de consulta.

O segundo obradoiro, ‘Aprende a reparar’, terá lugar de 12.00 a 14.30 horas. Nesta sesión ensinaranse técnicas para coser distintos tipos de botóns, colocar corchetes e arranxar ou reforzar costuras, co obxectivo de evitar que pequenas avarías obriguen a desbotar prendas que aínda se poden utilizar.

As dúas actividades forman parte dunha proposta que abrangue diferentes etapas da vida útil da roupa: avaliar o seu estado, reparar os danos, personalizar as pezas e reutilizar os tecidos cando xa non sexa posible manter a súa función orixinal. A iniciativa resume esta filosofía na seguinte mensaxe: “a moda máis sustentable non é a que se merca, senón a que se transforma”.

Para participar é necesario inscribirse previamente. A solicitude pode cubrirse a través do código QR incluído no cartel dos cursos, dispoñible na páxina web do Concello, ou presencialmente nas dependencias municipais. O prazo permanecerá aberto ata o 14 de outubro ás 14.00 horas.

Cada obradoiro contará cun máximo de 20 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. As persoas seleccionadas recibirán unha chamada telefónica durante a tarde do 14 de outubro para confirmar a súa participación.

Con esta programación, o Concello busca achegar formación práctica á cidadanía e promover a reutilización e a redución dos residuos de competencia municipal. As actividades están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

0.1639609336853