O Concello de Monforte impulsa unha nova edición do “Conservatorio na rúa” este venres no centro da cidade

RibeiraSacraXa
A iniciativa levará actuacións musicais do alumnado e profesorado do Conservatorio Municipal ás rúas peonís Cardeal e Hermida Balado entre as 19.00 e as 20.30 horas
conservatorio-na-rua-monforte-2025
11 Jun 2026

O Concello de Monforte celebrará este venres, 12 de xuño, unha nova edición da actividade “Conservatorio na rúa”, organizada a través do Conservatorio Municipal de Música ‘Mestre Ibáñez’, que achegará a música ao espazo público do centro urbano.

A xornada desenvolverase nas rúas peonís Cardeal e Hermida Balado, onde se habilitarán diferentes puntos de interpretación musical ao aire libre. Neles participarán alumnado e profesorado do conservatorio, nunha actividade que se estenderá entre as 19.00 e as 20.30 horas.

O evento forma parte da programación do centro, que este ano celebra o seu 25 aniversario, e busca amosar o traballo formativo que se realiza nas distintas especialidades instrumentais, ao tempo que se promove a música nun formato aberto á cidadanía.

O alcalde de Monforte, José Tomé, anima á veciñanza a achegarse aos concertos e destaca o carácter divulgativo da iniciativa. “Con esta mostra musical pretendemos dar a coñecer a actividade que se realiza no Conservatorio dun xeito distinto ao habitual, máis aberto e público, procurando a formación integral do alumnado e intentando crear ao mesmo tempo un ambiente musical nestas céntricas rúas”.

0.12388706207275