O Concello de Monforte entrega os diplomas aos participantes da primeira quincena do Programa Deportivo de Verán

RibeiraSacraXa
Un total de 93 nenos e nenas recibiron o seu recoñecemento e aínda quedan prazas dispoñibles para a quenda do 1 ao 14 de agosto
diplomas-campamento-depoortivo-monforte
16 Jul 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, entregou este mércores os diplomas aos 93 nenos e nenas que participaron na primeira quincena do Programa Deportivo de Verán organizado polo Concello. O acto celebrouse no Pavillón Polideportivo da Pinguela e contou tamén coa presenza do técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez.

Durante a entrega, José Tomé puxo en valor o esforzo que realiza o Concello para manter esta iniciativa estival. O rexedor destacou que “o importante esforzo que facemos desde o Concello para organizar estas actividades de verán e facilitar a conciliación persoal, laboral e familiar no período de vacacións escolares”. Ademais, engadiu que o programa permite que “os nenos e nenas de Monforte poidan desfrutar das súas merecidas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.

A segunda quincena do Programa Deportivo de Verán xa está en marcha e desenvolverase ata o 31 de xullo coa participación de 85 nenos e nenas.

De cara á terceira quincena, prevista entre o 1 e o 14 de agosto, o Concello informa de que hai actualmente 53 persoas inscritas, polo que aínda quedan prazas dispoñibles.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a inscrición enviando toda a documentación requirida ao correo electrónico deporte.veran@concellodemonforte.com ou presentándoa nas oficinas municipais de Deportes ou Xuventude, situadas nas Casitas da Compañía.

0.12277388572693