O Concello de Monforte e a USC impulsan unha nova edición do Programa Universitario para Maiores

RibeiraSacraXa
A iniciativa, dirixida a persoas de máis de 50 anos, estará centrada en cuestións como patrimonio, alimentación e biodiversidade
camiños-de-coñecemento-usc-monforte
14 May 2026

O Concello de Monforte de Lemos, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), poñerá en marcha entre o 19 e o 28 de maio unha nova edición do Programa Universitario para Maiores (IV Ciclo), unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 50 anos que busca achegar o coñecemento científico, cultural e artístico a este colectivo.

O programa, que se desenvolverá no Centro Cívico da cidade, forma parte do proxecto “Camiños de coñecemento e experiencia” e ten como obxectivo favorecer a democratización do saber, promovendo o acceso a contidos universitarios independentemente da idade ou do lugar de residencia.

A formación será gratuíta, aínda que requirirá inscrición previa, que poderá formalizarse ata o 18 de maio na Biblioteca Municipal–Casa da Cultura, en horario de mañá e tarde.

As sesións deste ano xirarán en torno a tres eixos principais: as antigas ferrerías galegas, o pan como elemento cultural e alimentario e as ameazas á biodiversidade. O programa inclúe tanto sesións teóricas como actividades prácticas e saídas de campo.

Entre as propostas destacan o seminario sobre as ferrerías tradicionais na Ribeira Sacra, que incluirá unha visita á Ferrería de Penacova; un obradoiro dedicado aos distintos tipos de pan e ao pan galego; e unha formación sobre biodiversidade centrada no impacto da actividade humana no medio natural.

O alcalde de Monforte, José Tomé, animou á participación veciñal nesta iniciativa, que o municipio desenvolve desde 2020 cunha alta participación en cada edición. Segundo sinalou, o programa contribúe a garantir o acceso á educación superior e a mellorar a calidade de vida e a participación social das persoas maiores do municipio.

O proxecto baséase na colaboración entre o Concello e a USC, que achega profesorado universitario e contidos especializados, mentres que o Concello facilita as instalacións e a organización local.

0.11872696876526