O Concello de Monforte e a CHMS asinan un convenio para ampliar a Pista do Canal

RibeiraSacraXa
Os traballos nesta pista, que dará acceso á futura praia fluvial de Monforte, contarán cun orzamento de 2,6 millóns de euros
José Tomé e José Antonio Quiroga.jpg
José Tomé e José Antonio Quiroga
3 Feb 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá un convenio para a financiación, execución e entrega das obras de ampliación e mellora da estrada de servizo do canal de regadío da marxe dereita, entre a estrada de Lugo (LU-546), preto da rotonda de Ribasaltas, e a estrada de Chantada (LU-517), preto do Salón do Moble.

O alcalde destacou que "hoxe comunicamos outra excelente noticia para Monforte, porque acabamos de asinar no meu despacho un novo convenio entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello de Monforte de Lemos, para unha obra de interese mutuo, e polo tanto, de interese público, que vai beneficiar ó conxunto dos monfortinos, e tamén ó público en xeral".

José Tomé explicou que "despois de case dous anos de conversas entre o alcalde de Monforte e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre os termos deste acordo, o Concello de Monforte solicitou a cesión desta estrada, para o que, a Confederación procederá a facer as obras necesarias para convertela nunha estrada nova e despois tramitar a mutación demanial (ceder a propiedade) en favor do Concello de Monforte de Lemos".

O rexedor monfortino puxo en valor a importancia desta nova gran obra para a trama urbanística da cidade, debido á inversión que se prevé neste convenio, que ascende a máis de 2,6 millóns de euros (2.670.000 euros), dos que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil aportará o 100% en tres anualidades (80.000 euros en 2025, 1.360.000 euros en 2026 e 1.230.000 euros en 2027). "O resultado é unha media de 534.000 euros por quilómetro, o que dá boa medida da importancia desta obra", subliñou o alcalde.

Pola súa parte, o presidente da CHMS recalcou o interese público desta actuación, que é beneficiosa para ambas as partes, pois "esta pista creouse para dar servizo ao canal hai case 60 anos, e hoxe é practicamente unha vía interurbana que necesita ser mellorada como tal".

Motivación da actuación de mellora e ampliación da Pista do Canal

Os motivos polos cales o alcalde de Monforte solicitou ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil a firma deste convenio foron dous.

Por un lado, esa pista de servizo do canal, en varias zonas, foi urbanizándose progresivamente, converténdose nunha vía de circunvalación intermedia entre a vía de alta capacidade e sen necesidade de cruzar polo centro da cidade, soportando, por tanto, un tráfico de vehículos privados moito maior que o seu destino inicial como camiño de servizo do regadío. Os dous usos foron compatibles durante moitos anos, sen problemas.

Por outro lado, o Concello de Monforte está tramitando un Plan Especial para a construción dunha nova praia fluvial entre o río Cabe, a estrada de Lugo e a pista do canal, que terá a entrada de vehículos pola pista do canal convertida na nova estrada, a zona de aparcamento e os edificios da nova dotación de lecer de 116.000 m2, é dicir, 11,6 hectáreas.

Obrigas da CHMS e do Concello monfortino

O acordo asinado establece que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil redactará o proxecto, licitará as obras, financiará o 100% do custo das actuacións e entregará a estrada ao Concello cando rematen as obras.

Neste senso, o borrador do proxecto xa está elaborado por técnicos da propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e o alcalde explicou que "eu mesmo os acompañei en varias ocasións, tanto en coche como a pé, para definir o tipo de obras necesarias, sobre todo no acceso á praia fluvial e tamén na zona complexa de ‘As Barrioncas’".

Pola súa parte, o Concello aprobará o proxecto construtivo, de maneira que substituirá a licenza de obra que non será necesaria. Recibirá a infraestrutura resultante das obras e inclúea no inventario de bens. Ademais, xestionará, explotará, mantendrá e conservará as obras deste convenio.

Obras a desenvolver

A actuación consistirá na mellora dun treito de 5 quilómetros entre a estrada de Lugo (LU-546) e a estrada de Chantada (LU-517).

Os primeiros 350 metros lineais da nova estrada, desde o seu inicio na LU-546, ampliaranse a un ancho de 9 metros, co fin de incluír 2 carrís de 3 metros de ancho, un arcén de 1 metro xunto ao canal e un paseo de 2 metros de anchura na marxe que linda coa praia fluvial.

Este treito tamén incluirá un carril central adicional para a incorporación e saída da futura zona de recreo que se pretende executar polo Concello xunto á marxe dereita do río Cabe, polo que, nesta zona, o ancho da nova estrada será de 12 metros.

Os outros 4.650 metros lineais manterán unha anchura de calzada de 6 metros, con 2 carrís de 3 metros cada un.

Nos 5 quilómetros de lonxitude da zona de actuación, substituirase o firme de dobre tratamento superficial existente por unha capa de aglomerado en quente.

As obras completaranse con barreiras de protección onde sexa necesario, así como actuacións de drenaxe e estabilización de taludes no paraxe coñecido como "As Barrioncas", situado a uns 900 metros de distancia do inicio das obras.

O alcalde monfortino agradeceu unha vez máis ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil "a súa sensibilidade coa solicitude do Concello, aínda que neste caso hai unha confluencia do interese público de ambas as partes".

0.13806200027466