O Concello de Monforte denega varias solicitudes de mesas informativas por entender que encubrían propaganda electoral

O Concello de Monforte de Lemos fixo públicas varias resolucións polas que denega distintas solicitudes para instalar mesas e carpas informativas na vía pública, ao entender que, malia a súa denominación, a actividade que se pretendía desenvolver nelas se correspondía con propaganda e campaña electoral, e non cunha simple labor informativa.
Segundo a documentación difundida polo Concello, a voceira do grupo municipal do Partido Popular solicitara permiso para instalar carpas de 3x3 metros e mesas en varios puntos da cidade —entre eles a zona da Compañía, a rúa Cardenal e a Praza de España— en distintas datas de novembro, con horarios que nalgúns casos se fixaban entre as 11.00 e as 14.00 horas.
Unha primeira destas solicitudes, presentada a mediados de mes, si foi autorizada pola Alcaldía mediante decreto, con informe favorable da Policía Local, que mesmo concretou a ubicación exacta na rúa Cardenal, entre os números 35 e 37, xunto a unha entidade bancaria, e estableceu condicións sobre o acceso de vehículos para a carga e descarga do material.
Porén, o escenario cambiou despois de que o representante do PSOE presentase unha denuncia ante o Concello alertando de que, nunha das mesas instaladas polo PP, os seus integrantes pediran expresamente o voto para a súa formación e repartiran papeletas electorais aos viandantes. Segundo explica o Concello, tras comprobar estes feitos concluíuse que a actividade desenvolvida excedía o carácter meramente informativo e entraba de cheo no terreo da propaganda electoral.
A raíz diso, o Concello deixou sen efecto parte da autorización que concedera inicialmente para a rúa Cardenal, ao considerar que se incumprira a finalidade para a que fora outorgada.
Días despois, a mesma edil volvera solicitar unha nova mesa informativa, nesta ocasión para a Praza de España, en xornadas distintas. O Concello denegou tamén esta petición ao apreciar que a nova solicitude reproducía, en esencia, a mesma ocupación que xa xerara a denuncia anterior, simplemente cambiando a denominación de "mesa electoral" pola de "mesa informativa", sen que se achegasen elementos que permitisen diferenciar realmente unha actividade doutra.
Nos informes xurídicos que acompañan as resolucións, o Concello sostén que a natureza dunha actividade debe valorarse en función do seu contido real e non da etiqueta que lle dea quen solicita o permiso. Neste sentido, lembra que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) establece un réxime específico para os actos de campaña e a propaganda electoral, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades entre as distintas formacións políticas que concorren a uns comicios.
O Concello engade que autorizar este tipo de ocupacións do espazo público baixo unha denominación informativa, cando en realidade implican difusión de programa electoral ou entrega de papeletas de voto, situaría a formación solicitante nunha posición de vantaxe fronte ao resto de partidos, o que vulneraría os principios de neutralidade institucional e igualdade que deben rexer a actuación das administracións durante os períodos electorais.
Por último, na resolución relativa a unha nova petición para instalar carpa e mesa na Praza de España durante dúas xornadas de finais de novembro, co obxectivo declarado de repartir dípticos informativos, difundir o programa electoral e entregar papeletas a quen as solicitase, o Concello reiterou a mesma motivación xa trasladada anteriormente á solicitante, e volveu denegar a autorización.
En todas as resolucións, o Concello precisa que estas denegacións non supoñen unha prohibición xeral da actividade política ou informativa da formación afectada, senón que responden de maneira exclusiva ás circunstancias concretas de cada solicitude e aos antecedentes constatados.