O Concello de Monforte de Lemos reparte 11.000 euros en axudas entre sete clubs deportivos locais

O Concello de Monforte de Lemos deu a coñecer o reparto dunha serie de axudas económicas destinadas a entidades deportivas da localidade. A iniciativa busca respaldar tanto o funcionamento ordinario destes clubs ao longo de 2026 como a súa presenza en citas deportivas de carácter nacional e internacional.
As subvencións foron aprobadas en dúas sesións distintas da Xunta de Goberno local, celebradas os días 14 e 26 de outubro. No seu conxunto, suman 11.000 euros, que se reparten entre sete clubs e asociacións da cidade.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, puxo en valor o labor que desenvolven estas entidades na difusión e o impulso do deporte local. Nas súas declaracións, o rexedor afirmou que “estas axudas son unha mostra clara do compromiso deste Equipo de Goberno co deporte e co labor que desenvolven ao longo do ano”.
As cantidades asignadas a cada entidade oscilan entre os 1.000 e os 4.000 euros, en función do proxecto ou a actividade presentada. O Club de Ximnasia Rítmica Kendra foi o beneficiario da maior partida, con 4.000 euros. Séguenlle o Club Taekwondo Neka e o Club Korbis, con 2.000 e 1.000 euros respectivamente, recoñecemento ligado á súa participación en competicións de ámbito internacional e estatal.
En concreto, o Club Taekwondo Neka recibiu 2.000 euros pola presenza dos seus deportistas no Campionato do Mundo de Taekwondo Téncia e Freestyle, disputado en Corea do Sur o 19 de setembro de 2026. Pola súa banda, o Club Korbis foi respaldado con 1.000 euros pola súa participación no Campionato de España de Voleibol Infantil Feminino, celebrado entre o 27 e o 31 de maio de 2026 en varias localidades asturianas: Llanes, Posada, Ribadesella e Arriondas.
O resto das axudas, de 1.000 euros cada unha, destináronse ao C.C. Torre San Vicente Monforte, á A.D. Colexio Ferroviario, ao Catelo Bike Club e ao Club de Beisbol Cerveceros Monforte, entidades que desenvolven a súa actividade habitual ao longo do ano na cidade.