O Concello de Monforte colaborará un ano máis na organización das 'Xornadas Micolóxicas Lactouros 2024'

RibeiraSacraXa
As xornadas están organizadas pola Asociación Micolóxica Lactouros e desenvolveranse durante o mes de novembro
Presentación das 'Xornadas Micolóxicas Lactouras', Monforte
Presentación das 'Xornadas Micolóxicas Lactouras', Monforte
6 Nov 2024

O Concello de Monforte colabora un ano máis coa Asociación Micolóxica Lactouros, na organización das Xornadas Micolóxicas 2024, que terán lugar do 21 ao 23 de novembro.

A tenente de alcalde, Gloria Prada, en compañía do concelleiro e membro da asociación, Manuel Luaces, foi a encargada de presentar o cartel dos diversos actos organizados.

O programa incluirá dúas conferencias no Centro do Viño de Monforte de Lemos e unha saída ao campo con xantar.

O xoves 21 de novembro, ás 20.00 horas, terá lugar a charla "Iniciación á Micoloxía", impartida por Carlos Pérez, presidente da Asociación Lactouros. Unha introdución perfecta para quen desexe penetrarse no fascinante mundo dos fungos.

O venres 22 de novembro, ás 20.00 horas, terá lugar a conferencia "Do bosque á mesa: cogomelos galegos e receitas tradicionais", a cargo do recoñecido micólogo e divulgador Luís Cuba, quen compartirá a súa experiencia na identificación e uso culinario dos cogomelos.

O sábado 23 de novembro, celebrarase unha saída ao monte para a identificación de cogomelos, seguida dun xantar no Restaurante Abadía San Simón, cun menú especial baseado en cogomelos de tempada.
Durante as xornadas, contarase cunha exposición de cogomelos onde os membros da asociación clasificarán e exhibirán as especies colleitadas, mostrando a diversidade fúngica da rexión.

A inscrición para a comida permanecerá aberta ata o 20 de novembro, a través de WhatsApp no número 671 473 982.

Ademais, en colaboración co Concello de Monforte de Lemos, a asociación continuará o seu labor educativo levando a cabo xornadas micolóxicas nos diversos centros educativos de Monforte, co obxectivo de achegar aos máis novos ao valioso mundo dos fungos.

0.12165999412537