O Concello de Monforte anuncia a licitación do proxecto de mellora do pavimento do Mercado Gandeiro

RibeiraSacraXa
O rexedor xustifica esta actuación destacando que “esta é unha zona moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme"
Mercado-Gandeiro-Monforte
18 Jul 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar a licitación do proxecto de mellora da pavimentación da contorna do Mercado Gandeiro de Monforte, logo de que fora aprobada a súa tramitación para ser licitado na Xunta de Goberno do luns 15 de xullo.

O rexedor xustifica esta actuación destacando que “esta é unha zona moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme, e pavimentar outras zonas que actualmente non o están, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños de Monforte”.

Neste senso, a actuación abarcará unha superficie total 12.725 metros cadrados, nunha lonxitude total de vías de 1.200 metros, e cun ancho medio de 10,60 metros. O investimento destinado polo Executivo de José Tomé para esta actuación é de 177.787,13 euros, o que da boa mostra da envergadura deste proxecto de mellora.

“Este proxecto” subliña Tomé, “dá continuidade o programa de actuacións que o Equipo de Goberno desenvolve no Mercado Gandeiro, pois no ano 2021, acometemos a mellora das cubertas das naves do polbo, cun investimento de máis de 70.000 euros”.

ACTUACIÓNS

En primeiro lugar, procederase ao fresado do firme actual nas zonas necesarias, así como ao levantado da calzada para o rebaixe da súa cota noutras zonas. Tamén se procederá ao corte de pavimento nas zonas nas que se colocará a rigola e nas canalizacións de pluviais.

Nas zonas en que actualmente non están pavimentadas, procederase á apertura de caixa e posterior recheo con base de pedra e triplo rego asfáltico. Tamén se colocarán os bordos correspondentes nos alcorques das árbores.

Na zonas das primeiras naves colocarase unha rigola de formigón para recoller a auga de pluviais e conducila a un sumidoiro que se colocará e que se conectará á rede de pluviais existente, a través dunha canalización de saneamento de PVC.

Despois, procederase ao varrido do firme na zona de actuación, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm de espesor, con posterior recalce de tapas de arquetas de 40x40 cm con tapa de fundición.

Por último, procederase ao pintado de marcas viarias e de símbolos e cebreados.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 12 de agosto ás 14.00 horas e as mesas de contratación terán lugar o mércores 14 (sobres 1 e 2) e o mércores 21 de agosto (sobre da oferta económica).

“Deste xeito, o Equipo de Goberno deste Concello segue a desenvolver actuacións para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ao Goberno fai 9 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”, conclúe José Tomé.

 

0.18140316009521