O Concello de Monforte adxudica o contrato para renovar as comunicacións municipais por máis de 144.000 euros

RibeiraSacraXa
O servizo unificará telefonía fixa, móbil, datos e internet do Concello e dos seus centros dependentes durante catro anos, con opción a unha prórroga adicional.
casa-concello-monforte
31 Aug 2026

O Concello de Monforte de Lemos adxudicou á empresa Orange Espagne S.A.U. o contrato para a prestación dos servizos de comunicacións municipais, que abranguen telefonía fixa, telefonía móbil, datos e internet, tanto para o propio consistorio como para os seus centros dependentes.

O contrato terá unha duración de catro anos e un importe total de 144.665,18 euros, podendo ampliarse cunha prórroga adicional dun ano.

O alcalde, José Tomé Roca, sinalou que o avance actual das tecnoloxías de comunicación fai necesario contar cun servizo integrado que reúna as diferentes prestacións nunha única rede multiservizo de voz e datos, que a empresa adxudicataria deberá deseñar e implantar garantindo os niveis de servizo esixidos tanto nas infraestruturas como nas prestacións ofrecidas sobre elas.

Segundo explicou o rexedor, o obxectivo desta contratación é manter, potenciar e mellorar os sistemas de comunicacións municipais, favorecendo así o avance da administración electrónica e a relación coa cidadanía, tanto no Concello como nos seus centros adscritos.

Con este contrato preténdese modernizar a rede de comunicacións do consistorio, dotando ás súas sedes principais dunha rede virtual corporativa de voz e datos. A empresa adxudicataria deberá habilitar unha rede de datos privada baseada en tecnoloxía MPLS, con conexións seguras a través de fibra óptica, que permita conectar de forma privada os distintos centros municipais.

Ademais, o novo sistema contará con mecanismos de redundancia que aseguren a continuidade do servizo ante posibles incidencias, debendo a adxudicataria garantir en todo momento os niveis de calidade e as medidas de seguridade necesarias.

0.15266299247742