O Concello de Monforte abre a inscrición para os cursos de verán do Conservatorio Municipal de Música

O Conservatorio Municipal de Música ‘Mestre Ibáñez’ de Monforte vén de activar o período de inscrición para os cursos de verán que se impartirán durante distintas semanas da época estival nas súas instalacións do Edificio Multiusos, en horario de mañá.
As sesións terán unha duración dunha hora por materia, que se asignará no momento de formalizar a matrícula. A inscrición pode tramitarse de forma presencial na Oficina de Rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica. Neste último caso, quedará reservada a especialidade e o horario solicitados ata a súa confirmación definitiva.
Cada solicitante poderá anotarse ata en dúas materias por solicitude, cun custo total de 25 euros. No caso de querer cursar máis formación, será necesario presentar novas solicitudes. A oferta inclúe niveis tanto de iniciación como de perfeccionamento.
As actividades están dirixidas a nenos e nenas a partir dos 6 anos e abranguen diferentes disciplinas instrumentais, entre elas guitarra, violín, piano, saxofón, clarinete, frauta doce e frauta travesa, trompeta, trombón, tuba, gaita, percusión moderna, percusión tradicional galega, canto e pandeireta, ademais de formación en linguaxe musical.
No caso de piano, será preciso acudir con auriculares. Para o alumnado de ata 7 anos tamén se solicita traer un xogo de pinturas para determinadas actividades.