O Concello de Folgoso do Courel pide á Deputación "o mesmo trato" con respecto á residencia de maiores

RibeiraSacraXa
O Concello de Folgoso do Courel pide á Deputación "o mesmo trato" con respecto á residencia de maiores da Pobra do Brollón
residencia Folgoso do Courel
residencia Folgoso do Courel
30 mar 2023

O Concello de Folgoso do Courel demanda da Deputación de Lugo “o mesmo trato” para a construción da residencia que o que teñen con outras localidades.

Piden “axilidade” despois de que o Goberno provincial veña de rubricar unha nova adenda para a construción da residencia da Pobra do Brollón e de inxectar máis de 700.000 euros para as obras.

A rexedora, Lola Castro, recorda que os convenios asinados por ambos os concellos para levar a cabo as residencias son da mesma época, o mesmo que a súa vixencia ata o ano 2025.

Porén, mentres as instalacións do Concello veciño reciben este impulso, “no Courel seguimos sen saber nada da construción da nosa”. “O último que soubemos é que a Deputación ía adaptar os prezos á realidade do mercado, pero seguimos sen saber nada”, lamenta.

Desde o goberno local agardan ter o mesmo trato por parta de Deputación de Lugo e que a residencia poida construírse canto antes. “É unha mágoa que nestes catro anos non se teña avanzado absolutamente nada, nin se teñan iniciado as obras en ningunha das dúas residencias”, engade a rexedora.

Ao mesmo tempo, lamentan que o PSOE local non lle esixa aos socialistas da Deputación que cumpran as súas promesas e critican que a oposición, tanto Caurel Vivo como o PSOE local, o único que achegue a estas alturas ao ter xa concedida licenza municipal sexa enredar co cambio de emprazamento da residencia, poñendo trabas en lugar de sacar adiante a súa construción.

Varias peticións

Xa no último Pleno municipal, o equipo de Goberno reclamaba á Deputación que presentara o proxecto da residencia da terceira idade do Concello de Folgoso do Courel adaptado á nova realidade actual, "pois estamos a falar dun convenio que se comprometeu no 2015, se firmou no 2018, e que xa se prorrogou en 2 ocasións".

O goberno local considera que os veciños do Concello de Folgoso do Courel non merecen estar sometidos a este desprezo continuo dando largas a un proxecto "tan necesario nun Concello destas características e cunha poboación con idades moi avanzadas e con gran dispersión xeográfica, o máis lonxe da provincia de Lugo de todos os servizos".