O Concello da Pobra do Brollón pide facer un consumo responsable da auga ante o aumento da demanda durante o verán

RibeiraSacraXa
Solicitan á veciñanza que evite usos non esenciais da rede municipal para garantir o abastecemento de auga potable
auga-mangueira-rego
24 Jul 2026

O Concello da Pobra do Brollón fixo un chamamento á cidadanía para facer un uso responsable da auga de consumo ante o incremento da demanda rexistrado durante o período estival. As altas temperaturas, a escaseza de precipitacións e o aumento da poboación nesta época do ano fan necesario adoptar medidas de aforro para garantir o abastecemento continuo.

Con este obxectivo, a administración local solicita á veciñanza que evite empregar a auga procedente da rede municipal en actividades que supoñan un consumo elevado e que non sexan imprescindibles.

Entre os usos que se pide evitar figuran o rego de campos, xardíns e hortas, o lavado de vehículos, o enchido de piscinas e o baldeo de patios, fachadas, terrazas ou beirarrúas, así como calquera outra actividade que implique un gasto importante de auga.

O Concello lembra que un consumo responsable resulta fundamental para preservar os recursos hídricos e asegurar que a subministración de auga potable poida manterse con normalidade durante todo o verán.

0.12429618835449