O Concello da Pobra do Brollón advirte de posibles cortes de auga pola limpeza da presa de Loureiro

A limpeza da presa de Loureiro prevista para este martes, 22 de setembro, poderá provocar interrupcións puntuais no subministro de auga en varias localidades da Pobra do Brollón.
O Concello tamén advirte de que, nos días posteriores aos traballos, a auga pode chegar ás billas con algo de turbidez. Neste caso, recomenda non utilizala para o consumo directo.
As posibles incidencias afectarán ás localidades de Pereiro, Domiz, Recemunde, Tudriz, Martul, Vilardeperas, Lamaigrexa, Castroncelos, Vilarmao, Piñeiros, A Estación, Abrence, Frieira, Pinel e A Pobra do Brollón.
O Concello solicita ademais á veciñanza que faga un uso responsable da auga para contribuír a prolongar a duración das reservas almacenadas nos depósitos mentres se realizan os traballos.