O Concello Chantada fai balance dunhas Festas Patronais marcadas pola elevada participación

RibeiraSacraXa
Manuel Lorenzo Varela destaca a afluencia de público durante os seis días de celebración e a recuperación das actividades que tiveron que modificarse pola previsión de chuvia
festa-da-empanaqda-chantada-2026
27 Aug 2026

O Concello de Chantada fai un balance positivo das Festas Patronais na honra á Virxe do Carmen, celebradas entre o 20 e o 25 de agosto, seis xornadas de actividades que estiveron condicionadas polas previsións meteorolóxicas adversas, pero que finalmente rexistraron unha elevada participación.

“Despois das previsións de que podía chover nos últimos días das festas, terminamos tendo unhas festas extraordinarias cunha temperatura marabillosa”, sinalou o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que destacou tamén a importante presenza de visitantes durante o verán. “Estamos moi contentos, non só polas festas senón pola cantidade de xente que nos visitou durante o verán e aínda non rematou”, afirmou.

Desde o Concello destacan o desenvolvemento da maior parte das actividades previstas, aínda que dúas delas tiveron que ser modificadas polas condicións meteorolóxicas. O XXXV Certame de Bandas de Música do Concello de Chantada, previsto inicialmente na Praza do Cantón, trasladouse ao Auditorio Municipal ante as previsións de chuvia para a tarde do domingo.

Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo, finalmente a chuvia chegou pola noite. O cambio de localización provocou que o aforo do Auditorio se completase, polo que o responsable municipal pediu desculpas ás persoas que non puideron acceder ao recinto.

As actividades infantís previstas para o luns pola tarde no Parque Eloísa Rivadulla tamén tiveron que ser aprazadas e celebraranse finalmente este sábado, 29 de agosto, entre as 17.00 e as 20.00 horas, na Praza do Cantón e na contorna da Casa da Cultura. A programación incluirá diferentes atraccións inchables.

A xornada servirá tamén para poñer o punto final ao Verán Cultural de Chantada. Unha vez remate a festa infantil, a partir das 20.00 horas, a Praza do Cantón acollerá o espectáculo de danza e acrobacias de Circanelo.

Entre os actos que o Concello destaca polo seu éxito figuran o Folión de Carros, a Festa da Empanada, a sesión de fogos artificiais e unha nova edición do festival de DJs Ata o Chan, celebrado o venres das festas.

O alcalde puxo especialmente en valor a resposta do público ás actuacións musicais e aos fogos artificiais. “Pasei por todas as orquestras, todas extraordinarias, houbo gran cantidade de xente. Nunca vin tanta xente na sesión de fogos”, afirmou.

Lorenzo Varela tamén destacou a presenza de visitantes nas terrazas e nas rúas durante as celebracións. “Nas terrazas e polas rúas atopábame con moita xente de aquí e de fóra, porque Chantada soa moito e queren vir aquí”, indicou.

A Festa da Empanada volveu ser outro dos grandes puntos de encontro das Patronais. A pesar das previsións de chuvia, que fixeron que inicialmente algúns grupos optasen por non comer na Carballeira de San Lucas, a afluencia aumentou a partir das 15.00 horas.

“Xuntámonos un ano máis moitas familias e coñecidos”, explicou o alcalde, que tamén valorou a evolución do espazo da Carballeira desde a súa adquisición por parte do Concello.

O servizo de autobuses habilitado para a Festa da Empanada funcionou este ano con maior frecuencia e continúa gañando usuarios. Desde a organización agradeceron a colaboración e avanzaron que seguirán traballando para mellorar os horarios de saída do campo de San Lucas.

Para Manuel Diéguez, “a empanada foi o colofón perfecto ás Patronais”, destacando tamén a participación durante a tarde e o éxito da actuación nocturna de Funçao Públika, unha formación que presentou unha montaxe novidosa na rúa Xoán XXIII.

A actividade cultural continuará este venres, 28 de agosto, coa actuación de Budiño na Praza de Galicia. O concerto, con entrada libre e gratuíta, comezará ás 23.00 horas e servirá para presentar o espectáculo “Branca Vela”. A actuación está promovida pola Axencia Turismo de Galicia dentro da programación dos Concertos do Xacobeo.

0.14685392379761