O colexio de Luíntra en Nogueira de Ramuín acollerá un encontro aberto para debater sobre educación

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A cita, dirixida a persoas de entre 13 e 99 anos, propón un espazo de reflexión conxunta sobre como se ensina e se aprende na actualidade
ordenador-dixital-educacion-colexio
Imaxe de arquivo ilustrativa
23 Nov 2026

O CEIP de Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín, será escenario o vindeiro 30 de novembro dun encontro aberto dedicado a reflexionar sobre a educación. A iniciativa, impulsada polo ANPA do centro, leva por nome ‘Falamos de educación?’ e preséntase como un espazo para compartir experiencias, formular dúbidas e debater en comunidade sobre distintos aspectos da aprendizaxe.

Baixo o lema “Non todos aprendemos igual. Temos que ensinar igual?”, a cita busca abrir unha conversa sobre que se aprende realmente na escola, que aspectos se poderían mellorar e que modelo educativo se quere construír de cara ao futuro. Trátase da primeira edición deste encontro, que os organizadores plantexan como punto de partida para seguir traballando nesta liña.

O evento terá lugar de 18.30 a 20.00 horas nas instalacións da propia escola de Luíntra, e está aberto a calquera persoa de entre 13 e 99 anos que queira participar, independentemente de que teña ou non relación directa co centro.

Desde a organización pídenlles ás persoas interesadas en asistir que se inscriban previamente para facilitar a loxística do encontro. Para iso, habilitan un número de contacto por WhatsApp (690 01 00 14).

A convocatoria, que conta coa colaboración do Concello de Nogueira de Ramuín, preséntase baixo o lema “Participar, compartir, construír en comunidade”, como un convite a que as familias e veciños do municipio tomen parte activa na reflexión sobre o presente e o futuro da educación local.

0.21192002296448