O Club Voleibol Ribeira Sacra pecha a segunda xornada con dúas vitorias e catro derrotas nas súas distintas categorías

O Club Voleibol Ribeira Sacra disputou a segunda xornada de competición con seis equipos en liza, repartidos entre as categorías cadete, alevín, infantil e xuvenil, cun balance de dúas vitorias e catro derrotas.
En cadete de segunda división, o equipo caeu derrotado fronte ao Xiria Volei por 3-0. En alevín de primeira división, a escuadra tamén encaixou unha derrota, esta vez ante o Emevé por 3-1.
As mellores noticias da xornada chegaron nas categorías de primeira división cadete e infantil, onde o Club Voleibol Ribeira Sacra impúxose en ambos os dous casos ao Emevé por un contundente 0-3. Estas dúas vitorias foron as únicas da fin de semana para o club.
En xuvenil de primeira división, o equipo volveu verse superado, neste caso polo propio Emevé, por 3-0. Por último, en infantil de segunda división, o conxunto caeu ante o San Amaro por 3-0.
Dende o club destacaron, a través das súas redes sociais, que seguen “traballando, aprendendo e medrando xuntos”, subliñando que cada partido supón unha nova oportunidade para seguir mellorando.